Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 26 de xuño de 2018

O Consello Nacional de CCOO de Galicia valida o pacto sobre o IV Acordo Estatal de Emprego e Negociación Colectiva

  • Sindicatos e patronal acordan un incremento salarial fixo de ao redor do 2 %, máis 1 % variable ligada a conceptos que se determinen en cada convenio

Recollendo o sentir maioritario das asembleas coa afiliación que tiveron lugar nos últimos días, o Consello Nacional de CCOO de Galicia validou por unanimidade o principio de acordo estatal de negociación colectiva (AENC) para o período 2018-2020. O AENC deberá aínda ser ratificado polo Consello Confederal de CCOO, que se reunirá o próximo xoves, día 28, en Madrid.

Á esq., intervención do secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento; á der., votación do Consello

Á esq., intervención do secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento; á der., votación do Consello

Para cada un dos anos de vixencia acordouse un incremento salarial fixo de ao redor do 2%, máis unha parte variable do 1% ligada aos conceptos que en cada convenio se determinen, tales como a evolución da produtividade, resultados económicos ou absentismo inxustificado, entre outros.

Ademais, durante a vixencia do ANC, e de xeito progresivo, ínstase a establecer un salario mínimo de convenio de 14.000 euros anuais. Este aumento gradual hase enmarcar nos propios convenios colectivos existentes, vinculándose á súa renovación.

Tanto as organizacións patronais como as sindicais instan as Administracións públicas a que teñan en conta os criterios enunciados no AENC, no que atangue á aplicación dos procesos de contratación derivados da Lei 9/2017, de contratos do sector público.

Desbloquear a negociación colectiva

Segundo o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, “debemos utilizar este AENC para desbloquear a negociación colectiva, tanto no sector privado como no público. Así llo faremos saber en breve tanto á Xunta como á patronal”.

Precisamente, as organizacións que asinan este acordo previo comparten a necesidade de manter a vixencia dos convenios mentres non se proceda á súa renovación —ultraactividade—. Para os casos de bloqueo das negociacións, as partes negociadoras deberán acudir aos sistemas de solución autónoma de conflitos, sexan estatais ou autonómicos.

Modificar o ET

Patronais e sindicatos tamén instan o Goberno á modificación do artigo 42 do Estatuto dos Traballadores. Entenden que os procesos de descentralización e externalización produtiva, afectados a través de diferentes modelos de subcontratación, deben ser procesos fundamentais da especialización produtiva. Neste senso, non deben incentivar a competencia desleal entre empresas nin deteriorar as condicións laborais. Para garantir as condicións de traballo, cómpre unha nova regulación do dito artigo do ET.

O acordo previo do IV AENC tamén inclúe medidas destinadas ao mantemento do emprego, favorecenco medidas alternativas ao despedimento, formación e cualificación profesional, absentismo, xubilación, loita contra a economía somerxida, o contrato de relevo e cuestións de igualdade entre mulleres e homes. Unhas e outras deberán ser negociadas tamén de xeito tripartito co Goberno do Estado. “Isto significa cuestionar os elementos básicos da reforma laboral”, afirma Sarmiento.

O Consello Nacional de CCOO de Galicia valida o pacto sobre o IV Acordo Estatal de Emprego e Negociación Colectiva

martes 26 de xuño de 2018

Documentos relacionados

Comunicado conxunto dos sindicatos e a patronal sobre o IV AENC [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas