Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 2 de xullo de 2018

CCOO pide que o profesorado interino cobre o verán, na liña do que indican varias sentenzas

  • O sindicato interpuxo unha reclamación ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia esixindo o recoñecemento económico e administrativo dos meses de xullo e agosto

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia pide que o profesorado interino cobre os meses de xullo e agosto, na liña do que indican varias sentenzas. O sindicato reclama o recoñecemento económico e administrativo deste período para todo o profesorado substituto con cinco meses e medio traballados e o que ocupa praza sen o titular reincorporado. Para este efecto, CCOO xa interpuxo unha reclamación ao Consello de Goberno da Xunta para regresar á situación previa aos recortes do 2012.

CCOO rexeita a discriminación que sofre o persoal interino e substituto

CCOO rexeita a discriminación que sofre o persoal interino e substituto

Con esta reclamación, CCOO esixe que se restitúan os dereitos do persoal interino nos cursos anteriores, tanto a efectos económicos como administrativos. Isto significa que o persoal interino cobrará os salarios dos meses de xullo e agosto nos catro anos anteriores, así como que conste na súa vida laboral dito tempo, tanto a efectos de dereitos de carreira como de Seguridade Social.

Paralelamente, a Federación de Ensino de CCOO inicia unha campaña para que o profesorado afectado faga valer os seus dereitos.

Recortes no 2012

Os recortes aplicados polo Goberno do Partido Popular hai seis anos prexudicaron a milleiros de profesores e profesoras. CCOO-Ensino afirma que a suspensión do cobro do verán é «discriminatoria», amais de «moi lesiva» para o persoal temporal, abocado «no mellor dos casos» a cobrar a prestación por desemprego.

A situación provocou moitas denuncias e varias sentenzas déronlle a razón a CCOO. Hai poucos días, o Tribunal Supremo consideraba ilegal o despedimento do persoal interino na época estival e «abre a porta a reclamar tanto o cobro do verán así como os seus dereitos administrativos», indican desde CCOO-Ensino.

CCOO pide que o profesorado interino cobre o verán, na liña do que indican varias sentenzas

luns 2 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas