Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 3 de xullo de 2018

Os datos do paro rexistrado son «unha mellora estatística que non saca os galegos e galegas da pobreza laboral»

  • No último mes asináronse, de media, máis de doce contratos por cada alta na seguridade social

Para o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, os datos do paro rexistrado do mes de xuño, publicados hoxe, son «unha mellora estatística que non saca os galegos e galegas da pobreza laboral». A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, coida que a cifras son as «previsibles» para esta época do ano e, igual que en anteriores exercicios, alerta da «extrema fraxilidade» dos postos de traballo creados. Na súa opinión, estase a «aboar o camiño» para que á volta do verán «nos atopemos cun rápido e forte incremento do desemprego».

CCOO denuncia o aumento da pobreza laboral

CCOO denuncia o aumento da pobreza laboral

Proba desa fraxilidade é que no último mes se asinaron 103.670 contratos, mentres que a afiliación á seguridade social unicamente aumentou en 8408; isto é, cada persoa asinou, de media, doce contratos. «Isto ten un nome: pobreza laboral», enfatiza a secretaria de Emprego de CCOO. Alén disto, os «aparentes bos datos» de emprego representan unha mellora inferior á de anos anteriores. «Constátase a ralentización do noso mercado de traballo», indica Bouza.

En opinión da dirixente sindical, «gora que Feijóo «afirma estar centrado en Galicia», debe comezar a «ter a cabeza» nos orzamentos autonómicos do 2019. Os datos «proban a necesidade» de emprego e de apoio aos sectores produtivos, «para que os galegos e galegas poidan vivir e traballar en Galicia», salienta.

Análise do paro rexistrado

No mes de xuño diminuíu o paro rexistrado en 6.631 persoas respecto ao mes de maio (−3,75 %) pero no mesmo período dos anos anteriores esa diminución foi máis acusada (no mes de xuño de 2017 foron 9.973 persoas paradas menos, en xuño de 2016 foron 13.144 menos e en xuño de 2015 foron 7.919). En termos anuais, o paro rexistrado baixou en 19.600 persoas (–10,33 %).

Malia a baixada do paro rexistrado, o mes de xuño deste ano rematou con 170.065 persoas desempregadas nas oficinas do servizo público de emprego: 98.260 mulleres (o 58 % do desemprego) e 71.805 homes. Dese total, 7.771 persoas tiñan menos de 25 anos (case o 5 % do paro rexistrado).

En proporción, o paro rexistrado baixou máis nos homes ca nas mulleres, tanto na comparación mensual (3.274 parados menos; –4,36 % fronte a 3.357 paradas menos; –3,30 %) coma na anual (11.135 parados menos; –13,43 % fronte a 8.465 paradas menos; –7,93 %).

Por grandes grupos de idade, hai 734 menores de 25 anos menos en paro que no mes anterior (−8,63 %) e 5897 menos no tramo de maiores desa idade (−3,51 %). Na comparación anual, en proporción, tamén é maior a diminución do paro rexistrado entre as persoas máis novas.

No último mes, o paro rexistrado baixa en todos os sectores de actividade, pero de xeito máis acentuado na construción e nos servizos: hai 702 persoas paradas menos na construción (–4,39 %), 4682 nos servizos (–3,94 %), 238 na agricultura (–3,71 %), 573 na industria (–2,90 %) e 436 no colectivo sen emprego anterior (–2,79 %).

Análise da contratación

Para CCOO, os datos de contratación proporcionados polo servizo público de emprego poñen de manifesto que se están facendo «contratos precarios, moi ligados á tempada e de duración moi curta». No mes de xuño rexistráronse 103.670 contratos. Deles, son temporais 95.387 (o 92,01 % do total) para só 8408 afiliacións máis; isto, a xuízo do sindicato, proba a «escasa» duración dos contratos rexistrados. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) corroboran que máis dun terzo dos contratos iniciais rexistrados dura menos dunha semana.

En relación co mes de maio formalizáronse 7481 contratos máis pero deses só 47 foron indefinidos. En termos anuais aumentou a contratación indefinida en detrimento da temporal (1068 contratos indefinidos máis fronte a 1011 contratos temporais menos) pero aínda así o número de contratos indefinidos segue sendo moi baixo: 8283 contratos indefinidos no mes de xuño (o 7,99 % da contratación).

Afiliación á seguridade social

No mes de xuño había 1.006.499 persoas afiliadas á seguridade social en Galicia. Son 8408 afiliacións máis ca no mes de maio (0,84 %). Ese incremento é superior ao rexistrado na media estatal (0,84 % fronte ao 0,48 %) pero queda por debaixo do que se rexistrou no mesmo período do ano anterior (no mes de xuño de 2017 houbo 8572 afiliacións máis, un 0,88 % máis).

En relación co mes de xuño de 2017 hai 26.622 afiliacións máis pero séguese creando menos emprego en Galicia ca na media estatal (2,72 % fronte 3,11 %).

Prestacións por desemprego

No mes de maio de 2018 había 83.580 persoas percibindo unha prestación por desemprego pero desas só o 42 % estaban cobrando unha prestación contributiva.

A taxa de cobertura no mes de maio de 2018 estaba no 51,89 %, co que nese mes había máis de 77.000 persoas con experiencia laboral no paro e que xa non percibían prestacións por desemprego.

As prestacións asistenciais superan as contributiva. A repartición das prestacións por desemprego segundo a modalidade no mes de maio de 2018 era a seguinte: 37.477 percibían un subsidio por desemprego (representan case o 44,84 % do total de prestacións), 35.093 contributivas (o 41,99 % do total), 8.898 a renda activa de inserción (o 10,65 %) e 2.112 correspondían ao programa de activación de emprego (o 2,53 %).

Os datos do paro rexistrado son «unha mellora estatística que non saca os galegos e galegas da pobreza laboral»

martes 3 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas