Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 5 de xullo de 2018

CCOO iniciou en Santiago de Compostela as mobilizacións contra os recortes en Correos

  • A maioría sindical continuará coas mobilizacións ata final de ano, cando se prevén varias xornadas de folga se o Goberno central non rectifica

Comisións Obreiras (CCOO), sindicato maioritario en Correos, iniciou hoxe en Santiago de Compostela as mobilizacións contra os recortes no operador postal público. Esta mañá, ducias de traballadores e traballadoras concentráronse na capital galega diante da dirección da zona 1 de Correos. Alí procedeuse á lectura e entrega dun manifesto coas reivindicacións do persoal, entre as que destacan a defensa do servizo público e a esixencia dun novo acordo laboral.

Fotografía de arquivo dunha manifestación de Correos en Galicia

Fotografía de arquivo dunha manifestación de Correos en Galicia

Esta acción produciuse tras o éxito dos paros parciais que tiveron lugar hai un mes. As protestas continuarán como mínimo ata final de ano, cando se prevé convocar tres xornadas de folga se o Goberno central non atende as reivindicacións. Nestas protestas, CCOO ten o apoio de UGT, CSI-F e SL, que conxuntamente teñen o 85 % da representación sindical no operador postal público.

Reivindicacións

CCOO insta o Executivo de Pedro Sánchez e a dirección de Correos a adoptaren as medidas necesarias para defender un servizo postal público, viable, con financiamento suficiente, no marco dun plan estratéxico que permita a adaptación ao novo mercado postal e loxístico. O sindicato tamén defende un acordo laboral que permita recuperar salario, emprego e dereitos.

O orzamento de Correos viuse recortado en 120 millóns no exercicio 2017, e prevese outro recorte de 60 millóns nos orzamentos xerais do Estado do 2018. A isto cómpre sumar o déficit, de case 188 millóns no último exercicio —superior aos 103 previstos— e de 122 para o ano en curso. As cifras revelan a «preocupante» situación da empresa pública, que por riba carece de plan estratéxico para saír dos números vermellos.

A situación prexudica as condicións laborais do persoal, con recorte e conxelación entre o 9 e o 14 % e o incremento da carga de traballo polos 15.000 empregos destruídos na última década, dos que 1100 foron en Galicia.

Na provincia coruñesa, CCOO salienta a deterioración en localidades como A Coruña, Santiago, Carballo, ou Arteixo, que implica o recorte da repartición domiciliaria de correspondencia, peche de oficinas en zonas rurais ou de escasa poboación, redución de horarios de atención ao público ou supresión de postos de ámbito rural.

CCOO iniciou en Santiago de Compostela as mobilizacións contra os recortes en Correos

xoves 5 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade