Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 19 de xullo de 2018

CCOO-Ensino asina o acordo que incrementa en 1260 euros anuais os salarios do persoal docente en Galicia

  • O aumento será de noventa euros mensuais, cifra á que se chegará progresivamente no prazo máximo de dous anos, comezando xa o vindeiro mes de outubro

A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Ensino) asinou coa Xunta o acordo que incrementará en 1260 euros anuais os salarios do persoal docente do ensino público non universitario. A decisión de ratificar a proposta chegou após consultalo esta mesma semana coa súa afiliación, que de xeito maioritario (80 %) deu o visto e prace ao asinamento do pacto.

A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, no asinamento do acordo co conselleiro de Educación

A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, no asinamento do acordo co conselleiro de Educación

Para Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, logrouse o principal obxectivo da negociación: garantir que o profesorado galego se sitúe no sexto nivel retributivo do Estado, igual que nos acordos asinados en 2003 e 2006.

Cabe sinalar que, nesta ocasión, o incremento retributivo será en catorce pagas, non en doce como nos anteriores pactos. Daquela, a partir do vindeiro mes de outubro, e nun prazo máximo de dous anos, o persoal docente de Galicia verá progresivamente melloradas as súas nóminas ata atinxir un aumento de noventa euros mensuais.

A secretaria xeral de CCOO-Ensino tamén destaca a inclusión no acordo dunha cláusula de revisión que permitirá renegociar as cantidades a percibir, sempre que noutras comunidades autónomas se chegue a acordos que fagan variar a posición relativa de Galicia. Queda, garantido, polo tanto, que o colectivo docente galego estea sempre na parte alta da táboa retributiva estatal.

Complementario co acordo estatal

Luz López salienta que o acordo en Galicia é posible grazas ao pacto estatal asinado o pasado mes de marzo para o conxunto do sector público, que permitiu abrir mesas de negociación para a recuperación de dereitos nas distintas Administracións. «Durante anos, as traballadoras e traballadores públicos perdemos dereitos coa escusa da crise, e xa é hora de que os vaiamos recuperando», afirma a sindicalista.

Por esa razón, tras o asinamento da homologación salarial docente, o obxectivo de CCOO é sentar coa administración para negociar a recuperación doutros dereitos, como por exemplo a percepción da totalidade do salario en casos de incapacidade temporal.

Calendario de aplicación

O calendario de aplicación da suba prevé un incremento nas nóminas de quince euros a partir do 1 de outubro deste ano, aos que se sumarán vinte máis o 1 de xaneiro do 2019. A continuación, outros 25 o 1 de xaneiro do 2020 e trinta máis o 1 de xaneiro do 2021, completando así o aumento de noventa euros en catorce pagas que se indicou antes, en total 1260 euros anuais de suba salarial.

CCOO-Ensino asina o acordo que incrementa en 1260 euros anuais os salarios do persoal docente en Galicia

xoves 19 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia