Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 19 de xullo de 2018

CCOO-Industria afirma que o alto seguimento da folga no téxtil proba o rexeitamento ao convenio e aos salarios miserables

  • O sindicato mantense firme na súa posición de non apoiar unhas táboas salariais que permiten soldos inferiores ao mínimo pactado no recente AENC

A Federación de Industria de Comisións Obreiras congratúlase polo alto seguimento da folga que convocou en solitario no sector téxtil. Segundo os datos do sindicato, os paros foron secundados polo 70 % do persoal de fabricación e pola metade das traballadoras e traballadores das oficinas. Para CCOO, a participación demostra o rexeitamento da maioría do sector ao convenio que esta semana asinaron a UGT e a patronal, que mantén salarios «miserables» para o colectivo peor remunerado, no que case todas son mulleres.

Membros de CCOO informaron os transportistas desde primeiras horas da mañá de que había folga

Membros de CCOO informaron os transportistas desde primeiras horas da mañá de que había folga

Comisións mantense firme na súa posición de non apoiar este convenio, cuxas táboas salariais permiten soldos inferiores ao mínimo pactado no recente IV Acordo de Emprego e Negociación Colectiva (AENC), asinado a comezos deste mes e publicado esta semana no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A Federación de Industria de CCOO convocou a folga para esixir que o salario máis baixo chegase aos 14.000 euros anuais, na liña do recollido no AENC. Actualmente, o convenio estatal do téxtil permite salarios de 827 euros mensuais en quince pagas, isto é, case 12.500 euros anuais. Fronte a esta situación, o sindicato defende un salario mínimo mensual de 933 euros, tamén en quince pagas, o que permitirá situarse nos mínimos recollidos no devandito acordo.

É o momento de mellorar os salarios

En todo o Estado traballan unhas 90.000 persoas no sector téxtil, 8000 en Galicia. Nos últimos anos, os traballadores e as traballadoras pelexaron por manter o seu emprego. «Agora que chega a recuperación económica, xa abonda de perder diñeiro: é a hora de mellorar», sentencia Cristóbal Álvarez, secretario de Organización de CCOO-Industria. O sindicalista lembra que o sector téxtil funciona, ten traballo e xera riqueza. «Superada a crise, hai que acabar cos salarios de miseria», enfatiza.

Xornada de folga

A xornada de folga comezou na véspera, xa antes do anoitecer. En todo o Estado, pero fundamentalmente nos polígonos industriais de Galicia, de Cataluña e do País Valenciano, enchéronse de mulleres e de homes de CCOO que se colocaron ás portas das empresas para explicar ás traballadoras e aos traballadores da quenda de noite por que debían facer folga.

Xa contra as seis da mañá, os piquetes informativos de CCOO repetiron a operación, comezando polos polígonos de Sabón (Arteixo, na provincia da Coruña), Valadares (Vigo) e no Pereiro de Aguiar (na provincia de Ourense), explicando aos transportistas que o sector téxtil estaba en folga, comezando despois a rolda polas empresas.

CCOO-Industria afirma que o alto seguimento da folga no téxtil proba o rexeitamento ao convenio e aos salarios miserables

xoves 19 de xullo de 2018

Ligazóns de interese relacionadas

Galería de imaxes

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia