Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 23 de xullo de 2018

CCOO rexeita a substitución da rede de vixilancia fixa dos montes por cámaras

  • O sector da Administración autonómica do sindicato reivindica melloras en recursos humanos e técnicos para unha loita eficaz contra os incendios

Comisións Obreiras (CCOO) rexeita a substitución da rede de vixilancia fixa dos montes por cámaras. Segundo o sector da Administración autonómica do sindicato, nos últimos anos pechouse de xeito progresivo a metade desta rede fixa, constituída por torretas de vixilancia. Para CCOO, a vixilancia é o primeiro paso na extinción de incendios forestais, xa que a rapidez á hora de detectar o fogo é «a base do éxito».

CCOO rexeita a substitución da rede de vixilancia fixa dos montes por cámaras

CCOO rexeita a substitución da rede de vixilancia fixa dos montes por cámaras

Para este labor, a figura dos vixilantes é «crucial», pois adoito son os primeiros profesionais forestais en divisar o incendio. Nun breve período, deben ser capaces de sintetizar e transmitir, de xeito claro e conciso, o que está a ocorrer nun determinado momento, para conseguir unha rápida e eficaz extinción.

CCOO leva anos a reivindicar maior investimento na prevención e loita contra os incendios forestais, sobre todo no que atangue a recursos humanos e técnicos. Por esta razón, valora moito avances como a instalación de 88 cámaras de vixilancia, repartidas en 44 centros, que permitirán recoller imaxes en tempo real.

Contra o recorte da rede fixa

Porén, oponse a que isto sirva para desmantelar as redes fixas de vixilancia que, como se indicou, foron reducidas á metade nun prazo de trece anos. No ano 2005, os datos recollidos no Infoga (actual Pladiga) indicaban que Galicia contaba con 293 vixilantes e 82 puntos de vixilancia fixa: as provincias de Ourense e Pontevedra tiñan 21 cada unha e A Coruña e Lugo, 20. Porén, para este ano só prevé que haxa 173 vixilantes e 44 puntos de vixilancia: 14 na provincia de Lugo, 12 en Ourense, 8 en Pontevedra e 8 na Coruña.

Dúbidas sobre as cámaras

Desde CCOO tamén manifestan a súa preocupación ante algúns aspectos que a Xunta aínda non aclarou. Particularmente, pregúntanse onde se situarán as pantallas de visualización das imaxes tomadas polas cámaras, que persoal estará ao seu cargo e que control xudicial terán. CCOO tamén quere saber se esas persoas serán empregados ou empregadas públicas ou, pola contra, haberá unha nova subcontratación de servizos púlbicos a empresas privadas.

Emprazamento ao diálogo

Por último, CCOO insta «unha vez máis» a Consellaría do Medio Rural a abrir unha mesa de diálogo social, con presenza dos partidos políticos, sindicatos, industria forestal, propietarios e colectivos medioambientais, para chegar a «pacto de país» polo monte galego.

Segundo o sindicato, cómpre unha «estratexia compartida» de divulgación, prevención, loita, investigación e concienciación social que permita erradicar a lacra dos incendios, que arrasa o «ouro verde de Galicia». Para Comisións Obreiras, a «política dos parches» non vai atallar «un problema que cada vez é máis sistémico».

CCOO rexeita a substitución da rede de vixilancia fixa dos montes por cámaras

luns 23 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Áreas - Saúde Laboral - Medio Ambiente

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia