Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 23 de xullo de 2018

CCOO amosa a súa solidariedade coas vítimas do Alvia e reitera que cómpre investigar «atas as últimas consecuencias»

  • A raíz desta traxedia, houbo melloras na seguridade de liñas de toda España, tamén en Angrois
  • CCOO esixe que o ERTMS funcione «decontado» na curva da Grandeira, pois xa foi adxudicado no 2015

Ante o quinto aniversario do accidente ferroviario de Angrois, en Santiago de Compostela, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia amosa a súa solidariedade coas vítimas desta traxedia. A organización sindical tamén reitera a necesidade de que se investigue «ata as últimas consecuencias», tanto no eido xudicial como no político. Neste sentido, coida «inaceptable» que tiveran que pasar cinco anos para que o Congreso dos Deputados abrira unha comisión de investigación. «Os constantes atrancos foron unha falta de respecto ás vítimas e ás súas familias», reprocha CCOO.

Vista da curva da Grandeira desde a AP-9 | Foto: Google Street View

Vista da curva da Grandeira desde a AP-9 | Foto: Google Street View

O sindicato, malia que mantivo sempre unha postura de respecto e prudencia coa investigación, coida que as «escusas e manobras dilatorias non axudan a ninguén». CCOO tamén criticou en diversas ocasións o intento das empresas ferroviarias e do Goberno do Estado de centrar as causas unicamente na velocidade e no erro humano. Para o sindicato, isto non é xusto, pois cando hai un accidente sempre é pola confluencia de varios factores.

Porén, a investigación do accidente de Angrois non se cumpriu axeitadamente, e mesmo a Axencia Ferroviaria Europea salienta diversas eivas. Entre outras cuestións, reprocha que a comisión de investigación de accidentes ferroviarios, que elaborou o informe oficial sobre o accidente, non era independente. Tamén critica que se centrara exclusivamente no erro humano. Censura, así mesmo, que non se tivese en conta as vítimas á hora de facer o informe, «como é preceptivo segundo a normativa europea», lembra CCOO.

Desde o sector ferroviario de CCOO, cómpre «determinar as responsabilidades» sobre varios aspectos:

— A publicitación de todo o trazado como de alta velocidade, cando realmente non era tal, e o cambio do proxecto inicial, deixando o último tramo do percorrido sen o sistema de seguridade ERTMS.

— A nula atención ao informe remitido polo xefe de maquinistas de Ourense, un «experto coñecedor» do funcionamento dos sistemas de seguridade e da circulación dos trens. No documento, expuña a necesidade de reforzar a seguridade nese tramo.

— A incorrecta realización das avaliacións de riscos, pois existen informes periciais que indican que o risco era «intolerable» e non se adoptaron medidas correctoras. Para CCOO, é necesario aclarar se se cumpriron as normas europeas neste sentido.

Houbo melloras na seguridade

Desde o comezo, CCOO esixiu unha completa investigación. Entre outras razóns porque, ademais de para determinar as responsabilidades que houbese nos diferentes ámbitos, tamén serviría para previr traxedias similares.

Nestes cinco anos, adoptáronse en toda España medidas que reforzaron a seguridade das liñas. Tamén no caso de Santiago de Compostela, onde se colocaron balizas que limitan a velocidade nun primeiro momento ou a posterior instalación dunha da nova sinalización de cambios significativos de velocidade (CSV). O obxectivo destas medidas, forzar a freada do tren no caso de que se supere a velocidade máxima coa que se debe entrar no tramo seguinte. Tamén se tomaron outras decisións, como limitar o uso da telefonía.

CCOO esixe que o ERMS funcione «decontado»

Porén, o «máis preocupante» para CCOO é que, cinco anos despois do accidente, a «fatídica» curva da Grandeira segue sen ter en funcionamento o sistema ERTMS, malia que en xullo do 2015 se adxudicou a instalación en todo o Eixe Atlántico. O prazo de execución era dun ano, pero segue sen estar operativo, polo que Comisións insta a que «entre en funcionamento decontado».

CCOO amosa a súa solidariedade coas vítimas do Alvia e reitera que cómpre investigar «atas as últimas consecuencias»

luns 23 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia