Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 26 de xullo de 2018

CCOO coida positivos os datos da EPA, pero advirte que a economía medra a maior ritmo que o emprego

  • Desde o sindicato aseguran que queda «moito por facer» para recuperar o nivel de emprego previo á crise: en Galicia hai 127.000 postos de traballo menos ca no segundo trimestre de 2008

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) coida positivos os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do segundo trimestre do ano, xa que amosa o incremento da ocupación e a redución do desemprego. Con todo, a secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, apunta que a mellora dos indicadores laborais «non garda proporción co crecemento económico, que está por riba do 3 %».

Oficina do Servizo Público de Emprego na Coruña

Oficina do Servizo Público de Emprego na Coruña

Cómpre recordar que, no mesmo trimestre de 2008, había 127.000 persoas ocupadas máis e 51.000 asalariadas. Desde CCOO faise unha chamada á responsabilidade do conselleiro de Facenda, o presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia para que deixen de facer de oposición ao Goberno de España e defendan os intereses dos galegos e das galegas. «Galicia non pode permitirse desaproveitar a nova senda de estabilidade e as dúas décimas máis de déficit a que están autorizadas as comunidades autónomas», afirma Maica Bouza.

Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, os datos constatan que «aínda que se crean postos de traballo e de carácter estable, a contratación a tempo parcial supera en máis de 1,3 puntos a de xornada completa». Tamén apunta que a redución do desemprego «non debe facernos esquecer que en Galicia hai máis de 175.000 persoas no paro e que segue existindo unha situación dramática nos sesenta mil fogares con todos os membros en paro ou nos máis de trinta mil en que non entra ningún tipo de ingreso».

En opinión de Bouza, o Goberno galego «segue sen abordar» o problema, «poñendo parches en emprego e formación que só contribúen a deteriorar a calidade dos postos de traballo e da propia formación». Segundo a dirixente sindical, Galicia precisa doutras políticas activas de emprego que favorezan a inserción no mercado laboral das persoas con maiores dificultades e impulsen a promoción profesional das que teñen traballo.

Datos da EPA

Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do segundo trimestre de 2018 reflicten un incremento da ocupación de 25.600 persoas nos tres últimos meses e unha redución do desemprego de 11.500 persoas en comparación co segundo trimestre de 2017. A redución é notablemente inferior tanto á do mesmo período do ano pasado como á que se dá neste trimestre na media estatal.

O emprego creado nos tres últimos meses ten unha distribución desigual entre homes e mulleres: 14.700 ocupadas máis e 11.000 ocupados máis. Créase emprego nos servizos e na construción, con 3000 e 28.800 empregos máis, respectivamente; pola contra, pérdese no sector primario (5.500 empregos menos) e na industria (400 menos). O emprego a xornada parcial medra un 3,5 %, mentres que a xornada completa só o fai un 2,2 %.

Neste trimestre créanse 23.300 empregos indefinidos e 10.600 temporais. Porén, en termos porcentuais, o emprego temporal medra un punto por riba do indefinido. Hai 6600 empregos asalariados máis no sector público e 19.100 no privado. Mentres o emprego asalariado medra en 33.900 persoas, o autónomo redúcese en 3.600 persoas.

No segundo trimestre de 2018 hai 11.500 persoas desempregadas menos que no trimestre anterior: uns 8800 son homes e 2000 son mulleres. Ao tempo, en 60.500 fogares todos os seus membros activos están en paro e en 33.900 fogares non perciben ningún tipo de ingreso.

CCOO coida positivos os datos da EPA, pero advirte que a economía medra a maior ritmo que o emprego

xoves 26 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia