Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 30 de xullo de 2018

A contía media das pensións galegas é 11 % inferior á estatal e catro de cada dez están por baixo da pensión mínima

  • Segundo datos do 2016, máis de trescentos mil galegos e galegas tiveron que vivir con pouco máis de 700 euros mensuais polo exiguo das súas prestacións

A contía media das pensións galegas, 12.273 euros, é un 11 % inferior á media estatal. Ademais, catro de cada dez están por baixo da pensión mínima. Isto significa que, segundo datos do 2016, 310.793 persoas que tiveron que vivir con pouco máis de 700 euros ao mes, concretamente 8449 euros anuais. Estes son algúns dos principais datos que destaca a Secretaría de Emprego de CCOO de Galicia no estudo 'As pensións galegas segundo as fontes tributarias'.

Portada da publicación

Portada da publicación

Para a elaboración deste documento, CCOO baseouse no informe sobre «Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias», elaborado pola Axencia Tributaria (AEAT). Consiste nunha estatística censual que recolle información de todas as persoas que ao longo do ano tiveron relación tributaria coa Axencia por retencións no IRPF motivadas en salarios, pensións ou prestacións por desemprego. Os datos utilizados son os do ano 2016, últimos publicados, pois o exercicio 2017 aínda acaba de pecharse.

No ano 2016, percibiron unha pensión en Galicia 791 884 persoas, cunha contía media de 12.273 euros. Segundo a estatística da AEAT, deuse un incremento do 0,05 % no número de persoas pensionistas e do 2,5 % na contía media da pensión.

Segundo CCOO, o crecemento da pensión non se debe ao incremento aprobado polo Goberno, que foi unicamente do 0,25 %, senón ao efecto substitución, dado que, polo momento, a contía media das novas pensións é superior á contía media das pensións que son baixa no sistema. Con todo, o diferencial entre ambas é cada vez menor, dado que son máis as persoas con carreiras laborais incompletas, amais de pola redución que están a ter as bases de cotización como consecuencia da precarización laboral e dos recortes salariais sufridos polos traballadores e as traballadoras nos últimos anos.

Reflexo do avellentamento e da fenda de xénero

Os datos sobre as pensións tamén reflicten o avellentamento da poboación galega: malia que Galicia só ten o 5,8 % dos habitantes de España, reúne o 8,2 % das persoas pensionistas.

Por outra banda, as pensións galegas teñen faciana de muller: perciben o 51,7 % e a súa contía son o reflexo da diferente vida laboral de homes e mulleres. A pensión media das mulleres equivale ao 71,2 % da dos homes e adoita ser inferior á deles en todos os tramos de idade agás no que vai dos 25 aos 35 anos.

Deseñar un novo modelo de relacións laborais

Os datos analizados reflicten a grave situación do mercado laboral galego e da poboación pensionista. As políticas de axuste aplicadas coa escusa da crise precarizaron o emprego e debilitaron o noso feble estado de benestar. En opinión de CCOO, cómpre derrogar as reformas laborais e de pensións e deseñar un novo modelo de relacións laborais acorde coas novas realidades e que reequilibre a posición dos traballadores e traballadoras fronte ao poder empresarial.

En Galicia é preciso tamén desenvolver políticas que permitan que a reactivación da economía se traslade á consolidación e modernización do noso tecido produtivo e á creación de emprego de calidade. Débense artellar políticas activas de emprego dirixidas a incrementar a empregabilidade dos traballadores e das traballadoras e a reducir a taxa de paro e non ao servizo das empresas; frear a saía de mozos e mozas e promover o retorno dos que partiron sen esquecer a atención ás persoas, restituíndo os servizos públicos aos niveis anteriores á crise e asegurando a cobertura da poboación con menos recursos estendendo a renda de inclusión social e a acción protectora do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.
 

A contía media das pensións galegas é 11 % inferior á estatal e catro de cada dez están por baixo da pensión mínima

luns 30 de xullo de 2018

Ligazóns de interese relacionadas

Caderno n.º 29: As pensións galegas segundo as fontes tributarias [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia