Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

venres 10 de agosto de 2018

XUVENTUDE CCOO NO DÍA INTERNACIONAL DA XUVENTUDE

XUVENTUDE DE CCOO ADVIRTE DO EMPEORAMENTO DA PRECARIEDADE E DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DA MOCIDADE

10.08.2018.- Co gallo do Día Internacional da Mocidade, que se celebra o 12 de agosto, XUVENTUDE CCOO denuncia o empeoramento das condicións laborais dos mozos e mozas e denuncia a proliferación de empregos lixo ligados a plataformas dixitais como Deliveroo, Globo... e outras empresas ancoradas en situacións de fraude, abusos e explotación, e tamén o papel que xogan as Empresas de Traballo Temporal (ETT) na precariedade —subministrando man de obra precaria para grandes empresas—. Todo isto impide aos mozos e mozas construír proxectos de vida a medio e longo prazo.
 
SITUACIÓN NO ESTADO:
Hoxe traballan 2.278.600 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos segundo o Instituto Nacional de Estatística, unha cifra menor que no segundo trimestre de 2007, pouco antes do inicio da crise. Nesa mesma franxa de idade, o 27% das persoas que traballan fano a tempo parcial, fronte ao 15% de hai algo máis dunha década; de feito, mentres actualmente hai 398.400 mozos e mozas cunha xornada parcial non desexada —pero aceptada ante a imposibilidade de conseguir un traballo a xornada completa— no ano 2007 só se atopaban nestas circunstancias 276.300. A temporalidade xuvenil segue en cotas escandalosas, en torno ao 56%, e o salario medio anual das menores de 25 anos non supera —segundo a Axencia Tributaria— os 6.113 euros.
 
Estas cifras, sumadas ao abuso —en moitas ocasións fraudulento— das prácticas non laborais, ao emprego somerxido, á fraude na contratación, ao paro —que aínda afecta ao 26% da mocidade— ou ao risco de pobreza ou exclusión social (34,8%, segundo a Enquisa de Condicións de Vida), reflicten unha precariedade inaceptable que lonxe de minguar segue a bater día a día á inmensa maioría das persoas mozas, que se ven incapacitadas para planificar e desenvolver proxectos de vida a medio e longo prazo. Esta circunstancia evidénciase tamén no descenso da taxa de emancipación xuvenil: na actualidade a idade media de emancipación  en España sitúase nos 29,3 anos, un punto menos que no 2007 e 6,4 puntos menos ca Alemaña.
 
SITUACIÓN EN GALICIA
No noso país, segundo o Instituto Galego de Estatística, traballan 236.300 mozos e mozas de entre 16 e 34 anos, cando en 2016 o facían 240.300. Isto representa que actualmente a taxa de paro nesta franxa de idade se sitúe no 21,6%; un dato que malia ser menor ca o do resto do Estado, supón unha caída de 17.300 persoas en termos de poboación activa fronte ao ano 2016. Nesa mesma franxa de idade, o 20,5% das persoas que traballan fano a tempo parcial. A temporalidade xuvenil segue en cotas escandalosas, en torno ao 52%, e o salario medio anual das menores de 25 anos non supera —segundo a Axencia Tributaria— o 42,9% do salario medio en Galicia, é dicir, ao redor dos 600 euros.
 
PLATAFORMAS DIXITAIS E EMPREGO LIXO
A esta realidade súmanse nos últimos tempos a multiplicación de empregos lixo que lle negan a condición de asalariados e os dereitos laborais asociados aos traballadores e traballadoras. Aínda que o fenómeno non é novo, increméntase actualmente a través de plataformas dixitais como Deliveroo, Glovo ou Uber Eats, sobre todo entre as persoas mozas como vítimas recorrentes e obrigan a quen dependen delas a actuar como falsos autónomos nunhas condicións de absoluta explotación. O mesmo sucede nalgúns sectores e empresas (que utilizan esta figura para explotar á mocidade (por exemplo o sucedido con SERVICARNE, falsa cooperativa de autónomos). Outra vía clara de explotación e de falta de estabilidade no emprego é o papel das ETT, que realizan contratos con unha hora de antelación ao inicio de actividade; por horas, sen saber se volveras traballar ao día seguinte e sen respectar o convenio colectivo da empresa ou sector do que se trate. Ou tamén, as cláusulas abusivas que aplican algunhas empresas vinculadas ao cumprimento duns obxectivos de produtividade irreais e que de non acadalos supoñen o despedimento sen ningunha indemnización (En «MÉDICOS SEN FRONTEIRAS», o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditamina esta cláusula como nula por abusiva)
 
Por isto, XUVENTUDE CCOO chama a toda a mocidade a organizarse sindicalmente para defender de forma colectiva os seus intereses.
 
Dende XUVENTUDE CCOO a través da presenza sindical, organizando os traballadores e traballadoras nos centros de traballo continuamos a perseguir a temporalidade inxustificada e a fraude no tempo parcial e no traballo autónomo, e instamos ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a que doten de recursos suficientes ás Inspeccións de Traballo, e —xunto cos axentes sociais—- se avalíe e reformule dun modo integral o Plan de Garantía Xuvenil, unha iniciativa ata agora fracasada; tamén a incrementar a oferta de prazas de Formación Profesional e revisar o modelo de FP Dual, ademais de garantir o acceso ao ensino universitario coa redución de taxas e a articulación dun sistema de bolsas que garanta o acceso universal ás aulas e á formación, tendo en conta ademais a forte dispersión xeográfica de Galicia.
 
XUVENTUDE CCOO demanda a conversión en contratos de traballo das prácticas non laborais extracurriculares, xunto coa elaboración dun marco de calidade que asegure, entre outros elementos, unha contraprestación económica suficiente ás prácticas non laborais curriculares. É outra reivindicación que non pode permanecer por máis tempo no caixón.
 
XUVENTUDE CCOO demanda axudas á emancipación e o desenvolvemento de parques públicos de vivenda en aluguer, medidas que, sumadas ás anteriores, facilitarían que os mozos e mozas puidesen planificar os seus propios proxectos de vida nunhas condicións dignas e adecuadas.
 
Por último, XUVENTUDE CCOO demanda investimento público no rural (servizos básico: transporte, saúde, ensino...) e apostar por unha industria eficiente e medioambientalmente sostible que axude a que a xente moza desenvolva alí o seu proxecto de vida e evite tamén o despoboamento do rural galego, creando emprego digno e con dereitos.
 
 
+ Para máis información:
Omar Ceveira Vázquez. Secretario de Movementos Sociais, Xuventude e Comunicación do S.N. de CCOO de Galcia. 667756597

XUVENTUDE DE CCOO ADVIRTE DO EMPEORAMENTO DA PRECARIEDADE E DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DA MOCIDADE

venres 10 de agosto de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Sociopolítica - Xuventude - Actualidade
Información - Novas
Áreas - Institucional - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia