Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 3 de setembro de 2018

CCOO censura a privatización do Museo Etnolóxico de Ribadavia tras ser investidos nel 1,36 millóns de euros públicos

  • O sindicato denuncia que, «unha vez máis», o sector privado explotará un ben ou servizo sufragado con diñeiro de toda a cidadanía

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a entrega a mans privadas do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que abrirá as súas portas o próximo mes de outubro. CCOO rexeita que, após o investimento de milleiros de euros de diñeiro público no acondicionamento do espazo museístico, situado na antiga reitoral de Santo André de Campo Redondo, a Consellaría decida privatizar a xestión e explotación da instalación.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia abrirá as portas no outono

O Museo Etnolóxico de Ribadavia abrirá as portas no outono

Segundo o sindicato, a execución do proxecto expositivo e de musealización custou case 420.000 euros, mentres que o conxunto do proxecto ascendeu a 1,36 millóns. Malia este forte investimento público, a Consellaría de Cultura ten en trámite «a concesión do servizo de atención ao público e control das instalacións» por un importe de pouco máis de 74.000 euros. Isto é, «entrégase unha vez máis ao beneficio privado a xestión dun servizo público, pagado co diñeiro de toda a cidadanía», lamenta CCOO.

CCOO critica o afán privatizador do PP

Para CCOO, o caso do Museo Etnolóxico é «un exemplo máis do afán privatizador, con carácter depredador» do Partido Popular desde que ocupa o poder da Xunta de Galicia. Tras encomendar á xestión privada servizos como a limpeza, a vixilancia, o mantemento ou a seguridade, «agora é a vez das industrias culturais», apuntan desde Comisións.

Na provincia de Ourense hai varios exemplos disto último, como a xestión e explotación integral do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las (Santo Amaro, Punxín). Fóra da provincia pódese sinalar o caso do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro en Pontevedra, no que se utilizou a mesma fórmula.

«Nefasta» xestión de infraestruturas culturais e de persoal

CCOO tamén denuncia a «nefasta» xestión en materia de infraestruturas culturais por parte das Administracións no que á provincia de Ourense se refire. O Museo Arqueolóxico de Ourense leva pechado dezasete anos «e sen visos de que vaia abrir no futuro inmediato». A Biblioteca Pública e o Arquivo Histórico Provincial levan máis de doce anos de espera para trasladarse definitivamente ás novas instalacións en San Francisco, cando as obras foron adxudicadas por primeira vez no ano 2003.

Por último, o sindicato crítica tamén a xestión da Consellaría en materia laboral. Dos catro centros existentes na provincia (Arquivo Histórico, Biblioteca Pública, Museo Arqueolóxico e Museo Etnolóxico), todos eles tiveron carencias e ausencia de persoal ao non cubrir a Consellería nin vacantes nin substitucións. Por exemplo, o Museo Etnolóxico de Ribadavia tivo que tomar a decisión de pechar polas tardes por falta de traballadoras ou traballadores: dos oito postos de persoal laboral só estaban cubertos tres, nalgún momento dous.

CCOO, como primeiro sindicato das Administracións públicas, vai utilizar todos os medios á súa disposición «para que non se sigan privatizando servizos públicos, para que non se siga dilapidando diñeiro público en beneficio de empresas privadas e para defender o emprego público e as empregadas e empregados públicos».

CCOO censura a privatización do Museo Etnolóxico de Ribadavia tras ser investidos nel 1,36 millóns de euros públicos

luns 3 de setembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia