Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 2 de outubro de 2018

O empeoramento dos datos do paro rexistrado demostran que Galicia precisa «cambios de políticas» e non de conselleiros

  • Como xa viña advertindo CCOO, o mercado laboral galego evoluciona peor do que a media do Estado e non se albisca recuperación do emprego

O empeoramento dos datos do paro rexistrado demostran que Galicia precisa «cambios de políticas» antes que novas caras á fronte da Xunta. As cifras do mes de setembro revelan que subiu o paro e baixou a afiliación, «ou sexa, que se perderon postos de traballo», constata a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza. Para a sindicalista, «isto é o reflexo do último Goberno de Feijóo, antes de remodelar a Xunta». Porén, na súa opinión foi unha «remodelación insuficiente», porque non se prevé un cambio de políticas, «que é o que este país precisa con urxencia».

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Como dixo o sindicato hai unha semana, «a arquitectura dun Goberno envía unha mensaxe e indica ben cales son as prioridades». Cando Feijóo decide non recuperar a Consellaría de Traballo, carteira «que continúa formando parte dunha macroconsellaría», o presidente galego «deixa ver que iso non é unha prioridade do seu Executivo».

Nos últimos tempos, CCOO vén advertindo de que o mercado laboral galego evoluciona peor do que a media do Estado. Precisamente, no Estado aumentou a afiliación e a suba do paro foi inferior á de Galicia.

Segundo Bouza, o pouco emprego que se crea en Galicia é «fráxil e precario», situación que prexudica sobre todo as mulleres, especialmente as mozas, pois é nese segmento de poboación onde máis postos de traballo se destruíron. Isto reflíctese «especialmente nas actividades económicas máis feminizadas», apunta a sindicalista.

Mobilizacións polas pensións

Canto á protección social, «está baixo mínimos», alerta Bouza. «Retrocedemos en cobertura de carácter contributivo porque non se xeran os dereitos suficientes debido ao estado do mercado de traballo», critica. «Menos emprego e emprego de pouca calidade significa menos dereitos», advirte a secretaria de Emprego de CCOO. «Urxe apostar polo emprego de calidade como elemento de garantía para os pensionistas de hoxe e os de mañá». Precisamente por esa razón, CCOO convocou canda a UGT mobilizacións para hoxe ao mediodía nas sete cidades para reclamar pensións dignas e dereitos para as persoas maiores.

Análise do paro rexistrado

Rematou a tempada estival e como é adoito no mes de setembro, subiu o paro rexistrado. Segundo os rexistros das oficinas do servizo público de emprego (SEPE), o pasado mes había na nosa comunidade 1896 persoas paradas máis ca en agosto. En proporción, subiu máis o paro en Galicia (un 1,15 %) ca na media estatal (un 0,64 %).

O paro rexistrado creceu máis nas mulleres ca nos homes (1457 paradas máis ca no mes de agosto fronte a 439 parados máis). Por grupos de idade, a suba é máis acusada nas persoas menores de 25 anos: 685 persoas paradas máis (+9,19 %) fronte a 1211 máis de 25 ou máis anos (+0,77 %). Por sectores de actividade, sobe no colectivo sen emprego anterior (206 persoas paradas máis, +1,39 %) e sobre todo nos servizos (2223 persoas paradas máis, +2,00 %), mentres que nos restantes sectores baixa: 270 persoas paradas menos na agricultura (-4,88 %), 243 menos na construción (–1,71 %) e 20 menos na industria (–0,11 %).

Así pois, o mes de setembro pechou con 166.320 persoas paradas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego: 97.636 mulleres (o 59 % do paro rexistrado) e 68.684 homes. Dese total, 8141 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan ao redor 5 % do paro rexistrado.

En comparación co mes de setembro de 2017, constan 17.737 persoas menos como paradas nas oficinas do SEPE na nosa comunidade: 9659 homes e 8078 mulleres. Por grupos de idade, o maior descenso , en proporción, dáse nas persoas menores de 25 anos (un 11,46 % menos de persoas en paro fronte a un 9,54 % menos entre as persoas de 25 ou máis anos). Por sectores de actividade, o paro rexistrado baixa en todos na comparación anual e, en proporción, o maior descenso dáse na construción e na agricultura. En concreto, en setembro deste ano había 3455 persoas paradas menos na construción (−19,82 %) ca hai un ano, 1180 menos na agricultura (−18,32 %), 2507 menos na industria (–11,80 %), 1377 menos no colectivo sen emprego anterior (–8,39 %) e 9218 nos servizos (−7,52 %).

Análise da contratación

No mes de setembro rexistráronse 96.818 contratos e o 89,78 % foron temporais. En relación co mes de agosto formalizáronse 2899 contratos menos e a caída da contratación centrouse nos temporais (4230 temporais menos fronte a 1331 indefinidos máis).

En comparación co mes de setembro de 2017 rexistráronse 2103 contratos indefinidos máis, o que supón un incremento do 26,98 %. Malia ese aumento, só se rexistraron 9899 contratos indefinidos no mes de setembro (o 10,22 % sobre o total de contratos).

Afiliación á seguridade social

No mes de setembro destruíuse emprego en Galicia, mentres que na media estatal se creou. En Galicia houbo 6500 afiliacións menos á seguridade social en relación co mes de agosto (–0,64 %) fronte a 22.899 afiliacións máis na media estatal (0,12 % máis). Ademais, baixou máis o número de afiliacións do que aumentou o paro rexistrado (6500 afiliacións menos fronte a 1896 persoas paradas máis).

Por réximes, hai 6031 persoas afiliadas menos no xeral (–0,77 %), 639 menos no de autónomos (–0,30 %) e 170 máis no do mar (+0,79 %). Así pois, o número de afiliacións á seguridade social (en media mensual) quedou en 1.013.888 no mes de setembro de 2018.

En termos anuais, a afiliación a seguridade social segue medrando menos en Galicia ca na media estatal (+2,18 % fronte a +2,87 %, respectivamente). Expresado en cifras absolutas, son 21.628 persoas afiliadas máis ca hai un ano, pero a ocupación recupérase moi devagar porque en Galicia aínda faltan 68.045 afiliacións para alcanzar o nivel de hai dez anos.

Prestacións por desemprego

En agosto de 2018 estaban rexistradas nas oficinas dos servizo públicos de emprego 149.601 persoas paradas con experiencia laboral, e só o 54,38 % percibía unha prestación por desemprego. Canto á calidade, aínda que o número de prestacións contributivas superaba o de subsidios por desemprego no mes de agosto, só representaban o 47,37 % das prestacións por desemprego. As prestacións asistencias (subsidio por desemprego, renda activa de inserción e programa de activación de emprego) supoñían o 52,63 % sobre o total das prestacións.

Polo tanto, no mes de agosto de 2018 había 81.348 persoas cobrando unha prestación por desemprego e a repartición por modalidades é a seguinte: 38.535 percibían unha prestación contributiva (47,37 % do total de prestacións), 33.705 subsidio por desemprego (o 41,43 %), 8051 a renda activa de inserción (9,90 %) e 1057 correspondían ao programa de activación de emprego (1,30 %).

Daquela, en agosto de 2018, o 45,62 % das persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego con experiencia laboral (unhas 68.200) non son beneficiarias de prestacións, ben porque as esgotaron, ben porque non xeraron o dereito a percibilas. O gasto en prestacións por desemprego descendeu un 3,19 % no último ano.

 

O empeoramento dos datos do paro rexistrado demostran que Galicia precisa «cambios de políticas» e non de conselleiros

martes 2 de outubro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas