Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 4 de outubro de 2018

CCOO denuncia a explotación laboral en Proxecto Home Galicia

  • O sindicato lamenta que a dirección da Fundación manteña as persoas usuarias como «reféns» da mala xestión
  • A Inspección de Traballo obriga a Fundación a pagalles aos traballadores e traballadoras uns 14.000 euros en concepto de salarios e cotizacións sociais non percibidos durante as baixas médicas

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia explotación laboral na Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia) e reproba que a dirección utilice as persoas usuarias como «reféns» para presionar os seus propios traballadores e traballadoras. Segundo CCOO, ante a crecente mobilización interna en defensa dos dereitos laborais, a dirección da fundación reaccionou pechando dous centros de traballo, causando un grave prexuízo tanto ao seu persoal como ás persoas usuarias.

No centro, Juan Zas e Ramón Sarmiento (CCOO), acompañados por delegadas de persoal na Fundación

No centro, Juan Zas e Ramón Sarmiento (CCOO), acompañados por delegadas de persoal na Fundación

Tras detectar irregularidades laborais, CCOO instou a empresa a solucionalas. Ante a súa negativa, o sindicato puxo os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo. Tras estudar o caso, a autoridade laboral obrigou a Fundación a pagalles aos traballadores e traballadoras uns 14.000 euros en concepto de salarios e cotizacións sociais non percibidos durante as baixas médicas.

A Fundación reaccionou con máis represión contra o seu persoal, malia que iso implicase prexudicar as persoas usuarias. Concretamente, Proxecto Home Galicia pechou na última semana os centros de Lugo e de Pontevedra, obrigando o persoal afectado a recolocarse en Santiago de Compostela ou Vigo. Esta medida provocou que a fundación non poida atender o mesmo número de persoas usuarias, polo que xa as está a derivar a outros centros situados fóra de Galicia.

Para CCOO é «intolerable» que Proxecto Home se aproveite das persoas usuarias para «chantaxear» os seus propios traballadores e traballadoras, «persoal moi cualificado que realiza un labor social fundamental».

A Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home ten como obxectivo principal a atención a persoas con diferentes adiccións. En Galicia conta con dous centros en Santiago de Compostela, un en Oleiros, un en Ourense e outro en Vigo.

Máis información no documento adxunto a esta noticia.

CCOO denuncia a explotación laboral en Proxecto Home Galicia

xoves 4 de outubro de 2018

Documentos relacionados

Dosier informativo sobre a situación laboral en Proxecto Home Galicia [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade