Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 9 de outubro de 2018

CCOO congratúlase de que a Xunta estude incluír cláusulas sociais nos contratos públicos pero pídelle a Feijóo «rigor» cos datos

  • O sindicato corrixe o presidente e afirma que o elemento determinante na diminución do paro rexistrado está na perda de poboación activa e ocupada nos últimos nove anos

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia congratúlase de que o presidente da Xunta anunciara hoxe, no debate de política xeral, a necesidade de mellorar a calidade do emprego en Galicia. Nesa liña, Feijóo anunciou o inicio dun proceso de diálogo cos axentes sociais no ámbito da contratación pública e fixo mención expresa da proposta sindical de incluír cláusulas sociais nos contratos públicos.

CCOO pídelle a Feijóo «rigor» cos datos sobre o mercado de traballo

CCOO pídelle a Feijóo «rigor» cos datos sobre o mercado de traballo

Con todo, CCOO advírtelle ao presidente galego que os debates sobre o mercado de traballo deben sustentarse «en realidades» e pídelle «rigor» á hora de manexar os datos. Neste sentido, o sindicato corrixe as cifras expostas por Feijóo no debate, onde pretendeu establecer unha suposta mellora respecto do ano 2009.

Neste sentido, CCOO aclara que a baixada do paro rexistrado débese á perda de poboación activa e ocupada nos últimos nove anos. Desde o 2009, a poboación activa reduciuse en Galicia en 68.800 persoas, a poboación ocupada diminuíu en 77.100 e os parados e paradas aumentaron en 8300. Destes datos resulta que o paro rexistrado diminuíu en 30.000 traballadores e traballadoras. En resumo, Galicia perdeu poboación, especialmente nas idades de incorporación ao mercado laboral.

Por continuar coa referencia que Feijóo fixo á situación laboral no 2009, cabe dicir tamén que o mercado de traballo galego ten hoxe 95.900 traballadoras e traballadores a tempo completo menos e 18.800 máis a tempo parcial.

Dito isto, CCOO xa lle adianta ao Goberno galego que calquera proceso de diálogo cos axentes sociais ten por obxecto mellorar a realidade dos traballadores e das traballadoras, para o que esixirá o «diagnóstico preciso» dos sectores onde se pretenda intervir.

CCOO congratúlase de que a Xunta estude incluír cláusulas sociais nos contratos públicos pero pídelle a Feijóo «rigor» cos datos

martes 9 de outubro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas