Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 17 de outubro de 2018

CCOO rexeita o peche de Alcoa na Coruña e apoia as mobilizacións en defensa dos postos de traballo

  • Manifestación o sábado, día 20 de outubro, desde a praza da Palloza ata a Delegación do Goberno

Comisións Obreiras (CCOO) rexeita o peche da factoría de Alcoa na Coruña, ao tempo que se solidariza cos compañeiros e compañeiras de Avilés (Asturias), aos que a multinacional anunciou a mesma medida. O sindicato alerta do grande impacto social dunha medida «desproporcionada e incomprensible», xa que a factoría coruñesa dá beneficios e emprega a case catrocentas persoas.

Corte de tráfico fronte á fábrica de Alcoa na Coruña

Corte de tráfico fronte á fábrica de Alcoa na Coruña

O sindicato e os traballadores mobilizaranse en defensa dos postos de traballo. Nada máis se coñecer a decisión, comezaron a concentrarse ás portas do centro de traballo para «impedir que saia un só gramo de metal», en referencia á materia prima utilizada na planta. Posteriormente, cortaron o tráfico nas inmediacións da factoría. Segundo relata Demetrio Vázquez, un dos participantes, «os condutores, lonxe de se incomodaren, aplaudiron os traballadores».

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho (CCOO), coida que a intención de Alcoa «é clara: despedirnos a todos e pechar as instalacións», mais xa lle anticipou á multinacional estadounidense que «non o imos permitir», xa que a empresa «é rendible, está gañando cartos».

O voceiro de CCOO tamén lle esixiu ao Goberno central «regular dunha vez a tarifa eléctrica », xa que as incertezas e ameazas de peche son constantes desde o 2012. Foi nese ano cando o daquela ministro José Manuel Soria, do PP, aprobou o sistema de poxa eléctrica, que prexudica as industrias electrointensivas, como é o caso de Alcoa e moitas outras.

CCOO leva seis anos esixindo unha solución para que a industria que fai un uso intensivo da electricidade poida acceder a ela a un prezo competitivo co que programar e garantir a actividade a medio e longo prazo.

Manifestación o sábado

Pola tarde houbo unha multitudinaria asemblea de persoal, na que se acordou convocar unha manifestación para o próximo sábado, día 20 de outubro. A marcha partirá da praza da Palloza ás 11 da mañá e rematará na Delegación do Goberno.
 

CCOO rexeita o peche de Alcoa na Coruña e apoia as mobilizacións en defensa dos postos de traballo

mércores 17 de outubro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade