Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 18 de outubro de 2018

A Xunta asegura que incorporará en Galicia os acordos asinados por CCOO para mellorar o emprego público

  • A partir do 1 de xaneiro do 2019, todo o persoal da Administración autonómica verá incrementadas as retribucións e recuperará dereitos como a percepción do salario íntegro en caso de baixa médica
  • CCOO esixe a aplicación do contido íntegro dos acordos e seguirá a loitar pola recuperación de todos os dereitos arrebatados

O mércores, día 17 de outubro, reuniuse a mesa xeral da función pública. No encontro, a Xunta de Galicia amosouse favorable a aplicar no noso país os acordos asinados por CCOO e outras organizacións no ámbito estatal e que melloran as condicións laborais no emprego público.

CCOO esixe a recuperación de todos os dereitos arrebatados

CCOO esixe a recuperación de todos os dereitos arrebatados

Se a Administración autonómica cumpre coa súa palabra, a partir do 1 de xaneiro do 2019 quedaría derrogado o artigo segundo da Lei 1/2012, que penalizaba a incapacidade laboral. Polo tanto, a partir desa data as traballadoras e traballadores públicos cobrarán o salario íntegro en caso de baixa médica.

Asemade, con efectos desde esa data, as retribucións de todo o persoal da Administración autonómica galega incrementaranse un 2,25 %, ao que se sumará un 0,25 % máis a partir de xullo do mesmo ano.

Xornada laboral de 35 horas

CCOO acolleu positivamente os dous puntos antes mencionados. Con todo, esixiu trasladar a Galicia todas as melloras conseguidas nos pactos estatais. Entre outros aspectos, instou a Administración galega a negociar a xornada laboral de 35 horas semanais, á que se poden acoller as comunidades autónomas que cumpran coa senda do déficit.

A representación de CCOO sinaloulle á Xunta que mesmo hai comunidades autónomas que, sen cumpriren con esta senda, igualmente teñen acordos cara á semana laboral de 35 horas.

Recuperación de todos os dereitos arrebatados

CCOO seguirá esixindo a recuperación de todos os dereitos arrebatados ao persoal público nos últimos anos, tanto sociais como económicos, entre os que cabe sinalar os salarios recortados das pagas extras dos anos 2013 e 2016.

A Xunta asegura que incorporará en Galicia os acordos asinados por CCOO para mellorar o emprego público

xoves 18 de outubro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas