Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 24 de outubro de 2018

Os sindicatos galegos e portugueses esixen «máis emprego, máis estable e con máis salario»

  • O encontro do sector industrial, organizado polo Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, reivindicou que a cohesión territorial da eurorrexión vaia acompañada de «converxencia salarial»

O Consello Sindical Interrexional (CSIr) Galicia-Norte de Portugal organizou o martes en Vigo un encontro do sector industrial para analizar as condicións de traballo e o impacto das reformas laborais na metalurxia, o téxtil e a industria agroalimentaria. Nesta xornada participaron case oitenta persoas, pertencentes aos sindicatos galegos Comisións Obreiras e UGT e aos portugueses CGTP-IN e UGT-P.

No centro, Ramón Sarmiento durante a presentación das conclusións da xornada

No centro, Ramón Sarmiento durante a presentación das conclusións da xornada

O presidente de quenda do CSIr e secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, foi o encargado de inaugurar a xornada e tamén de presentar as conclusións antes do seu remate. As organizacións que integran o Consello Sindical Interrexional amosaron a súa coincidencia á hora de esixir «máis emprego, máis estable e con máis salario».

Máis emprego

Galicia e o Norte de Portugal precisan apostar pola industria e pola xeración de postos de traballo non só intensivos en man de obra, senón tamén en coñecemento. Aproveitando a presenza de representantes dos Gobernos galego e portugués, os desde o CSIr instaron os poderes públicos a contaren cos sindicatos á hora de deseñar políticas económicas e de emprego.

Máis estable

Os sindicatos que integran o CSIr criticaron a precariedade nos diferentes sectores industriais, da cal xa se deran exemplos durante a xornada, como as falsas cooperativas que operan no sector cárnico ou o aumento das contratacións mediante ETT. As catro organizacións pediron cambios normativos para dar cabo da precariedade e da contratación en fraude de lei.

Máis salario

Os axentes sociais coincidiron en pedir a reversión das últimas reformas laborais en España e Portugal, principalmente naqueles aspectos que debilitan a negociación colectiva. CCOO, UGT, CGTP-IN e UGT-P consideran a negociación colectiva a mellor ferramenta para a clase traballadora, especialmente «no aspecto máis social». Neste punto, concluíron que a cohesión territorial da eurorrexión é unha necesidade que ha ir acompasada cunha «converxencia salarial», co obxectivo de evitar a deslocalización, o dúmping e a competencia desleal.

Os sindicatos galegos e portugueses esixen «máis emprego, máis estable e con máis salario»

mércores 24 de outubro de 2018

Ligazóns de interese relacionadas

Galería de imaxes

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Áreas - Internacional - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
Áreas - Institucional - Actualidade