Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 25 de outubro de 2018

CCOO valora os datos positivos da EPA pero matiza que o crecemento da economía non se traslada ao emprego

  • O sindicato insta a Xunta a aproveitar os orzamentos autonómicos para dar resposta ás persoas que están en peor situación e corrixir as eivas do modelo produtivo actual

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia valora os datos positivos da enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre do ano, pero observa «certa ralentización» respecto doutros anos. Desde Comisións tamén amosan a súa preocupación porque o crecemento da economía non se está trasladando ao mercado de traballo: este ano é do 2,8 %, porén, a creación de emprego é do 2,2 %.

O emprego segue medrando a menor ritmo que a economía, critica CCOO

O emprego segue medrando a menor ritmo que a economía, critica CCOO

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, alerta dos «grandes desequilibrios» nos sectores produtivos. Mentres aumenta a ocupación na agricultura e no sector dos servizos, pérdese na construción e na industria.

«Galicia non pode seguir perdendo emprego industrial e apostando por servizos de baixa calidade», censura Bouza. Na súa opinión, este modelo está «intimamente ligado á conxuntura» polo que, cando esta cambie, perderase o emprego asociado. «Galicia precisa un modelo produtivo diversificado, no que primen o coñecemento e o valor engadido», puntualiza a sindicalista.

Mellorar as condicións laborais

En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, agora «é o momento» de aproveitar a mellora do emprego para progresar nas condicións laborais das 139.000 galegas e galegos que traballan a tempo parcial, situación na que están «porque non lles queda outro remedio, na maioría dos casos». Tamén esixe combater a fraude nos casos en que a xornada parcial non se corresponde co número de horas realizadas, ou na contratación temporal que debera corresponder xa a contratación indefinida.

Ademais, na liña do Acordo de Emprego e Negociación Colectiva (AENC) asinado este ano, Bouza salienta que tamén «é o momento» de subir os salarios de todas as traballadoras e dos traballadores, «que co sacrificio das súas condicións laborais contribuíron á mellora da situación económica».

Por último, Bouza insta a Xunta de Galicia a aproveitar os orzamentos autonómicos para corrixir as eivas sinaladas, porque o proxecto presentado «non vai nesa dirección». Segundo a sindicalista, «esta é a Galicia real á que Feijóo debe dar respostas», especialmente para as 153.000 persoas desempregadas, os 53.000 fogares con todos os membros no paro e os 32.200 nos que non entra ingreso ningún.

Análise da EPA

Segundo a enquisa de poboación activa, a poboación ocupada aumenta en 20.700 persoas no terceiro trimestre de 2018 respecto ao trimestre anterior (un 1,92 % fronte a un incremento do 0,95 % na media estatal). Non obstante, o emprego avanzou menos ca en anos anteriores: no terceiro trimestre de 2017 creábanse 23.600 postos de traballo (un 2,2 %) e no mesmo trimestre de 2016 eran 23.900 (un 2,3 %). Nos últimos doce meses, o emprego medrou en 24.000 persoas e, en proporción, segue aumentando menos ca na media estatal (un 2,23 % e un 2,51 %, respectivamente).

O número de persoas ocupadas subiu ata 1.096.500, co que aínda quedan por recuperar 119.900 empregos para volver aos valores de hai dez anos.

Polo tipo de xornada, no terceiro trimestre de 2018 creouse emprego a xornada completa en detrimento do da xornada parcial (29.900 persoas ocupadas máis a xornada completa fronte a 9.200 menos a xornada parcial) e dos empregos que se crearon no último ano, o 98 % foron a xornada completa. Con todo, o 12,7 % da poboación ocupada en Galicia ten un posto de traballo a xornada parcial e das persoas que traballan a neste tipo de xornada, o 56,6 % fano porque non atoparon un traballo a xornada completa e só o 8,1 % afirmou non querer un traballo de xornada completa.

Por sectores, en comparación co segundo trimestre de 2018, créase emprego no primario (6100 persoas máis ocupadas, un 9,5 %) e nos servizos (18.200 persoas máis ocupadas, un 2,4 % máis), mentres que na construción se perden 1300 empregos (−1,9 %) e na industria 2400 (−1,4 %). En comparación con hai un ano, hai 39.500 persoas máis ocupadas nos servizos (un 5,3 % máis) e 1000 máis na construción (un 1,5 % máis) fronte a 8000 menos no sector primario (−10,2 %) e 8.500 menos na industria (−4,8 %).

No que atangue é evolución do emprego asalariado, hai 14.200 persoas máis traballando por conta allea que no segundo trimestre de 2018 (11.100 indefinidas e 3100 temporais) e 31.600 máis ca hai un ano (34.700 indefinidas fronte a 3100 temporais menos). A taxa de temporalidade estaba no 26,8 % no terceiro trimestre de 2018 (28,1 % no terceiro trimestre de 2017).

Polo tipo de sector, no terceiro trimestre de 2018 aumentou a poboación asalariada no privado en detrimento da do sector público (18.900 persoas asalariadas máis no privado fronte a 4700 menos no público). Nos últimos doce meses creáronse 27.000 empregos asalariados no sector privado e 4600 no público.

A taxa de temporalidade no sector privado era do 27,6 % no terceiro trimestre de 2018 e no público do 23,8 %. Atendendo á idade, o colectivo máis castigado pola alta temporalidade é a xuventude: nas persoas de 25 a 29 anos alcanzaba o 54,8 % e nas menores de 25 anos disparábase ata o 72,4 %.

Malia non figuraren no paro 22.100 persoas en relación co trimestre anterior e 28.700 en relación co terceiro trimestre de 2017, o desemprego segue cebándose cun número avultado de persoas: 153.000. Delas, o 41 % son paradas de longa duración. A taxa de paro está no 12,2 % (11,1 % nos homes e 13,4 % mulleres) e no caso das persoas menores de 30 anos sobe ata o 23,8 %.

A poboación activa segue diminuíndo en Galicia, mentres que na media estatal aumentou. No terceiro trimestre de 2018 había 1400 persoas activas menos ca no trimestre anterior e 4800 menos ca un ano antes.

Malia a baixada do paro, no terceiro trimestre de 2018 están en paro todos os membros activos en 53.000 fogares, e en 32.200 non entran ingresos de ningún tipo.

CCOO valora os datos positivos da EPA pero matiza que o crecemento da economía non se traslada ao emprego

xoves 25 de outubro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas