Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 5 de novembro de 2018

CCOO pídelle á Xunta que «tome nota» dos datos do paro e «actúe en consecuencia» na elaboración dos orzamentos

  • O sindicato cualifica de «obsoleto» o actual modelo produtivo e insta o Goberno a utilizar as súas competencias para traballar noutra dirección

Comisións Obreiras (CCOO) pídelle á Xunta de Galicia que «tome nota» dos datos do paro rexistrado do mes de outubro, coñecidos hoxe, e que «actúe en consecuencia» na elaboración dos orzamentos para o ano 2019. Cómpre lembrar que esta semana se debaten as emendas dos diferentes grupos parlamentarios á proposta orzamentaria do Goberno.

O desemprego subiu en outubro após o remate da campaña do verán

O desemprego subiu en outubro após o remate da campaña do verán

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, os datos do paro «son previsibles e responden á época do ano»: por unha banda, o remate da campaña de verán e a extinción dos contratos asociados; por outra, a recuperación de emprego precario relacionado co ámbito educativo.

En termos xerais, as cifras «reiteran o que xa viñamos dicindo desde Comisións, que a economía galega marcha peor que a media estatal». Bouza tamén lamenta que Galicia continúe «desaproveitando oportunidades de consolidar o emprego creado».

Porén, para acometer a dita consolidación cómpre mudar un modelo produtivo que a voceira de CCOO cualifica de «obsoleto», e insta a Administración autonómica a utilizar as súas competencias para traballar noutra dirección. Segundo a sindicalista, o actual modelo está «intimamente ligado á conxuntura» polo que, cando esta cambie, perderase o emprego asociado. «Galicia precisa un modelo produtivo diversificado, no que primen o coñecemento e o valor engadido», puntualiza Bouza.

A Administración autonómica «ten competencias» para corrixir numerosas eivas do mercado laboral galego, «comezando pola propia casa». Neste sentido, Bouza esixiulle á Xunta «dar exemplo» no que respecta a dar cabo da precaridade laboral no sector público.

Paro rexistrado

No mes de outubro subiu o paro rexistrado por terceiro mes consecutivo: 3424 persoas paradas máis ca no mes de setembro, o que equivale a un incremento do 2,06 % (na media estatal tamén subiu pero en menor proporción, un 1,63 %). Ademais, esa suba é superior á que se produciu no mes de outubro de hai un ano: daquela subía o paro en 1846 persoas con respecto ao mes anterior, un incremento do 1 %. Na comparación anual, hai 16.159 persoas paradas menos rexistradas nas oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) na nosa comunidade (−8,69 % fronte ao −6,12 % na media estatal).

Polo tanto, segundo os datos das oficinas do SEPE, ao finalizar o mes de outubro había 169.744 persoas paradas (71.014 homes e 98.730 mulleres); dese total, 8.756 son menores de 25 anos.

A suba mensual do paro é maior nos homes (2330 máis) ca nas mulleres (1094 máis) e, por grandes grupos de idade, hai 615 menores de 25 anos máis en paro (+7,55 %) e 2809 máis maiores desa idade (+1,78 %). Na comparación anual, o descenso máis acusado dáse nos homes e, por grupos de idade, nas persoas menores de 25 anos.

Na comparación mensual, o paro rexistrado sobe en todos os sectores de actividade agás na construción (137 persoas paradas menos) e no colectivo sen emprego anterior (33 menos). En proporción, a maior suba dáse na agricultura (814 persoas paradas máis, +15,47 %) e nos servizos (2573 máis, +2,27 %); na industria hai 207 persoas paradas máis (a suba é do 1,11 %). Na comparación anual, a construción segue sendo o sector en que máis descende.

Contratación

Un trazo definitorio da contratación é a elevada temporalidade. O 90,29 % dos contratos formalizados en outubro foron temporais. En cifras absolutas, rexistráronse 103.484 contratos e, deles, 93.431 foron temporais.

No último mes aumentou máis a contratación temporal que a indefinida: 154 contratos indefinidos máis (+1,56 %) fronte a 6512 temporais máis (+7,49 %). Na comparación anual segue avanzando máis a contratación indefinida que a temporal (un 26,54 % máis e un 7,5 % máis, respectivamente), non obstante, o número de contratos indefinidos segue sendo baixísimo (10.053 en outubro).

Afiliación á seguridade social

A afiliación á seguridade social evoluciona peor en Galicia ca na media estatal, tanto en termos mensuais coma anuais: baixou en Galicia no mes de outubro, mentres que na media estatal subiu un 0,69 % (130.360 afiliacións máis). En Galicia perdéronse 690 afiliacións (−0,07 %) ata quedar a cifra de ocupación en 1.013.198 persoas. Segundo o réxime, hai 464 persoas afiliadas menos no réxime xeral (−0,06 %), 322 menos no de autónomos (−0,15 %), mentres que no do mar hai 96 máis (+0,44 %).

No réxime xeral (inclúense os datos de coidadores non profesionais e exclúense os dos sistemas especiais agrario e de empregados de fogar) hai 736 afiliacións máis ca no mes de setembro e, por seccións de actividade destaca, sobre todo, a suba da afiliación na educación (unhas 8.698 máis).

En termos anuais, segue creándose menos emprego en Galicia ca na media estatal (+2,35 % e +3,05 %, respectivamente).

Protección por desemprego

O 48 % das persoas paradas con experiencia laboral carecen de prestación por desemprego e só o 45 % das que si a perciben están cobrando unha prestación contributiva. Así pois, segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en setembro de 2018 era do 52,04 %.

En setembro de 2018 había 78.734 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 35.373 percibían unha prestación contributiva (o 45 % sobre o total das prestacións de desemprego), 34.754 subsidios por desemprego (o 44 % das prestacións), 7947 a renda activa de inserción (o 10 %) e 660 correspondían ao programa de activación de emprego (o 0,84 %).

Daquela, no mes de setembro de 2018 había 72.557 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de prestacións por desemprego. Continúa caendo o gasto en prestacións por desemprego (un 2,1 % en relación co mes setembro de 2017).


 

CCOO pídelle á Xunta que «tome nota» dos datos do paro e «actúe en consecuencia» na elaboración dos orzamentos

luns 5 de novembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas