Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 5 de novembro de 2018

Os sindicatos acláranlle ao presidente da FEGAMP que a redución da idade de xubilación reforzará as Policías Locais

  • Á iniciativa poderíase acoller sobre todo o persoal que agora está en situación de segunda actividade, o que permitiría convocar novas prazas que reforzasen o servizo

Os sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT, que representan a maioría do persoal das Policías Locais de Galicia, emitiron hoxe un comunicado conxunto aclarándolle ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, o verdadeiro alcance do decreto lei que permitirá o anticipo da idade de xubilación para este colectivo.

Os sindicatos defenden coeficientes redutores da idade de xubilación para a Policía Local

Os sindicatos defenden coeficientes redutores da idade de xubilación para a Policía Local

Hai máis de cinco anos, os sindicatos maioritarios no ámbito das Policías Locais crearon unha plataforma estatal para esixir o comezo do proceso de aprobación do anticipo de idade de xubilación para este colectivo, mediante coeficientes redutores consonte a norma establecida e como xa se aplicaba para outros corpos.

Para os sindicatos, os principais problemas das Policías Locais en Galicia non teñen relación coa idade de xubilación, senón coa dimensión dos cadros de persoal, taxas de reposición e políticas deficientes en materia de recursos humanos.

Segundo datos da Xunta de Galicia e que vimos denunciando os sindicatos, o número de prazas vacantes é hoxe de 355 (12,78 %) das 2777 existentes. As vacantes estanse a suplir co recurso abusivo ás horas extraordinarias. A deterioración do servizo de seguridade local que prestan algúns concellos de Galicia é xa unha realidade en moitos casos, sen que a FEGAMP tomase a iniciativa para procurar solucións.

Mentres o Decreto 243/2008, de coordinación de Policías Locais, recomenda no preámbulo que os cadros de persoal se acheguen ao cociente de 1,8 por mil habitantes, non hai ningún concello de Galicia que cumpran esta recomendación, nin sequera as cidades: Santiago anda polo 1,6, no 1,5 están A Coruña e Pontevedra. O resto xa se sitúa moi por baixo.

Desde o ano 2007 é obrigatorio por lei que un corpo de Policía de Galicia teña como mínimo un oficial e dous policías. Porén, segundo datos da Xunta, hai sete corpos da Policía Local na provincia da Coruña con menos de tres efectivos, cinco en Lugo e Pontevedra, e un en Ourense.

Segunda actividade

Segundo os sindicatos, o presidente da FEGAMP «debe coñecer» que a Lei 4/2007, de coordinación das Policías Locais de Galicia, establece o paso á segunda actividade do persoal que faga 58 anos de idade. Por iso, cando se fala de «diminución de persoal pola aplicación da xubilación anticipada», estase a falar principalmente de policías que poden estar en situación de segunda actividade, isto é, que xa non prestan servizos operativos e traballan en tarefas administrativas ou funcións similares.

Precisamente esta situación de paso á segunda actividade regúlase practicamente en todas as leis de Policías Locais do Estado e foi o que motivou a necesidade de buscar unha saída pola vía da xubilación anticipada, «xa que mentres se está na segunda actividade, as prazas non se poden convocar, polo que a diminución de persoal operativo é evidente», puntualizan os sindicatos. Ou sexa, «o que o Alfredo García ve como un problema de diminución de persoal de policía, é en realidade unha contribución ao aumento do persoal operativo en tarefas policiais e ao rexuvenecemento dos cadros de persoal», conclúen.

Os sindicatos acláranlle ao presidente da FEGAMP que a redución da idade de xubilación reforzará as Policías Locais

luns 5 de novembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas