Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

luns 26 de novembro de 2018

CCOO de Asturias, Castela e León e Galicia piden ás administracións a convocatoria «urxente» dun cumio con sindicatos e patronais

  • O obxectivo é analizar as necesidades de infraestruturas, a planificación estratéxica de futuro e ampliar a planificación común de aspectos vinculados á estratexia industrial e política enerxética

Comisións Obreiras (CCOO) de Asturias, Castela e León e Galicia piden ás administracións a convocatoria «urxente» dun cumio do noroeste peninsular, no marco da macrorrexión europea, con participación de sindicatos e patronais, para analizar as necesidades de infraestruturas, a planificación estratéxica de futuro e ampliar a planificación común de aspectos relativos a estratexia industrial e política enerxética. Así o anunciaron este luns dirixentes das tres organizacións tras a reunión mantida na localidade berciana de Ponferrada.

Ramón Sarmiento (dereita), secretario xeral de CCOO, xunto aos seus homólogos

Ramón Sarmiento (dereita), secretario xeral de CCOO, xunto aos seus homólogos

Para as CCOO das comunidades autónomas do noroeste, a non inclusión da rexión na planificación da Rede Transeuropea de Transporte de Ferrocarril suporía a súa «exclusión» do sistema circulatorio da economía e o mercado único europeo.

A posta en marcha destes corredores efectuarase baixo a supervisión e coordinación europea, e previsiblemente «conformará un novo modelo» de rede, caracterizada por configurar unha armazón na que se priorizan a intermodalidade, a eficiencia económica e a sustentabilidade ambiental. Deberá servir tamén como garantía do principio de cohesión territorial e social, permitindo o acceso a todas as rexións da Unión Europea.

A Comisión Europea propuxo nove corredores, dos que dous afectan directamente a España. Un é o corredor mediterráneo, que entra en España por Figueres e chega ata Alxeciras e Sevilla. O outro, Lisboa-Estrasburgo, que en España se denomina Atlántico, vertebrando o oeste español desde a fronteira portuguesa ata Irún.

Ao tempo, a Comisión recolle especificamente o que se denomina «outras seccións» anexas á rede básica, referíndose ás conexións con Galicia e Asturias, ao tramo Valencia-Bilbao (que recibe o nome de corredor cantábrico-mediterráneo) e tamén ao tramo Madrid-Valencia (atlántico-mediterráneo). Deste xeito, en España, a configuración final da rede quedaría determinada por unha malla con cinco corredores multimodais (mediterráneo, central, atlántico, cantábrico-mediterráneo e atlántico-mediterráneo) conectados entre si, e que nalgúns tramos está compartido.

Queda pendente, no entanto, a aprobación definitiva e a ratificación polo Consello de Ministros e polo Parlamento Europeo, no prazo dun ano contado desde o 5 de xuño de 2018 ou antes da disolución do Parlamento Europeo. Do mesmo xeito, debería estar incluída na fase final do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027. Por tanto, as CCOO de Galicia, Asturias e Castela León esixen a inclusión destes territorios na aprobación definitiva, pois a alternativa sería «quedarmos illados e carentes de interconexións», cuestión que tamén veñen reclamando distintas organizacións e plataformas.

CCOO de Asturias, Castela e León e Galicia piden ás administracións a convocatoria «urxente» dun cumio con sindicatos e patronais

luns 26 de novembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Áreas - Institucional - Actualidade