Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

venres 30 de novembro de 2018

CCOO afirma que as conquistas do convenio de elaborados do mar «demostran a eficacia da loita obreira»

  • Recóllese incremento salarial nos catro anos de vixencia do convenio, amais de melloras laborais e sociais

Tras moitos meses de conflito, esta semana asinouse o novo convenio colectivo do sector de elaborados do mar, de ámbito estatal, se ben o 80 % do emprego está en Galicia e desempeñado fundamentalmente por mulleres. Segundo CCOO, as conquistas conseguidas «demostran a eficacia da loita obreira». Coa súa constancia, e especialmente coa convocatoria de folga, as traballadoras conseguiron desbloquear unhas negociacións «difíciles» e que a patronal emendara os seus postulados.

A folga foi determinante para as conquistas laborais no sector de elaborados do mar

A folga foi determinante para as conquistas laborais no sector de elaborados do mar

O novo convenio terá unha vixencia de catro anos, do 2018 ao 2021. Recóllense incrementos salariais do 5,5 % para este ano en todos os grupos profesionais. Para os seguintes anos, o incremento será do 2,1 % nos grupos I e II e do 2 % nos restantes.

Tamén no aspecto económico se inclúen dous novos complementos: un de 80 euros mensuais en concepto de uso de serras manuais e outro de 144 euros anuais en concepto de «refrixerado» para quen traballe so temperaturas entre 0 e 14 graos centígrados.

Canto ás promocións profesionais e política laboral, o persoal do grupo I ascenderá ao grupo II cando teña máis de tres anos de antigüidade. Así mesmo, as empresas comprométense a limitar as contratacións mediante empresas de traballo temporal.

No referente á xornada, a máxima anual redúcese en dezaseis horas e a pausa do bocadillo computará como descanso, que poderá ser acumulado para o posterior gozo.

Por último, inclúense melloras sociais en cuestións como as licenzas ou o período de lactación, que se amplía a catorce días laborables, salvo que por razóns legais corresponda máis tempo.

CCOO afirma que as conquistas do convenio de elaborados do mar «demostran a eficacia da loita obreira»

venres 30 de novembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade