Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

venres 30 de novembro de 2018

O persoal da CRTVG intensifica as protestas no medio do silencio informativo sobre a folga

O persoal da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) intensifica as protestas. Este é o vixésimo oitavo «venres negro» en que as traballadoras e traballadores dos medios públicos autonómicos protestan contra a manipulación informativa e a precariedade laboral. Fano nun contexto especial, logo de cinco días de paros parciais que tiveron un seguimento medio do 80% e dentro do silencio informativo sobre esta folga.

Protesta do persoal neste 28.º «venres negro»

Protesta do persoal neste 28.º «venres negro»

Por esta razón, o comité de folga xa avanza que «endurecerá» as accións de protesta e prepara a mobilización do vindeiro 19 de decembro, que coincidirá cunha xornada de paro de 24 horas —ata agora os paros foron de dúas horas por cada quenda de traballo—. Nesa data, pretenden «trasladarlle ao presidente Feijóo o malestar dos traballadores e traballadoras dos medios públicos».

Malia os lixeiros avances nas negociacións coa dirección da última xuntanza, a do xoves 29 de novembro resultou inútil no que ten que ver co aumento da produción propia. Sobre este aspecto, a Corporación ofrecera aumentala entre 15 e 30 minutos nos programas informativos.

Con todo, a dirección négase a debater sobre os «contidos de servizo público», tal como reclama o comité. Tamén rexeita recuperar as desconexións locais, eliminadas o pasado mes de setembro, cadrando co comezo da actual temporada.

Ante esta situación, o comité de folga insiste en amosar o seu «malestar» e en denunciar «a falta de capacidade ou de vontade real» para chegar a acordos por parte dos negociadores da CRTVG, cos que se volverán reunir o vindeiro día 5.

O persoal da CRTVG intensifica as protestas no medio do silencio informativo sobre a folga

venres 30 de novembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade