Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

mércores 5 de decembro de 2018

O convenio único e o plan estratéxico de Navantia despexan o futuro dos estaleiros públicos

Os sindicatos CCOO-Industria e UGT-FICA asinaron a acta final da negociación do convenio único de Navantia. Nos vindeiros días, os traballadores e as traballadoras e a propia Administración decidirán se dan o visto e prace. Isto, xunto coa presentación do plan estratéxico 2019-2020, permiten despexar o futuro dos estaleiros públicos.

Fotografía de arquivo dunha protesta do persoal de Navantia durante a botadura dun barco

Fotografía de arquivo dunha protesta do persoal de Navantia durante a botadura dun barco

Incremento salarial

As táboas salariais increméntanse un 1% para os anos 2016 e 2017, aboándose os correspondentes atrasos. Para o ano 2018, o incremento será do 1,5% con efectos desde o pasado 1 de xaneiro, e dun 0,25% adicional con efectos desde o 1 de xullo e, en todo caso, un 0,20% ligado á produtividade.

Para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021, o incremento será o estipulado nos orzamentos xerais, máis un 0,8% como cláusula de fidelización.

Asimilacións

Queda garantida a asimilación —ascensos automáticos cada oito anos que había na antiga Bazán— para as saídas anticipadas que tivesen ese dereito. Ademais, establécese unha dotación anual do 0,7% da masa salarial para garantir as promocións. Acórdase que polo menos o 10% do persoal terá garantida a promoción anual, e así no 2019 produciranse as correspondentes aos anos 2018 e 2019.

Complemento de xubilación

Garántese para as persoas ás que xa lles correspondía, tendo en conta que se transforma o vitalicio en capitalización e que o tope se cuantifica en 120.000 euros (revisables).

Rexuvenecemento do persoal

Para rexuvenecer o cadro de persoal, páctanse saídas anticipadas após os 61 anos, durante a duración do plan estratéxico. Canto ás condicións de saída, aplicaranse as do expediente de regulación do 2005. O 75% das saídas anticipadas serán cubertas con entradas indefinidas; as restantes, como temporais, en función da evolución do plan.

Plan estratéxico

O plan estratéxico de Navantia recolle carga de traballo baseada na carteira de pedidos confirmada e nas oportunidades comerciais en que o grupo ten opción ata o de agora. Tamén prevé o desenvolvemento dun plan de investimentos para mellorar a eficiencia, a dixitalización e o mantemento das instalacións. Ademais, inclúe a definición dun nova concepción laboral que alcanza o desenvolvemento dun plan de formación, tanto para o persoal que permanece como para as entradas.

O convenio único e o plan estratéxico de Navantia despexan o futuro dos estaleiros públicos

mércores 5 de decembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade