Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

mércores 19 de decembro de 2018

CCOO non cre que os grupos de traballo propostos por Sanidade solucionen os problemas da atención primaria en Galicia

  • O sindicato lembra que hai un ano xa se creara unha comisión técnica para tratar os problemas nos PAC e o resultado foi «un fiasco» pola «parsimonia» dos responsables do Sergas

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia non cre que os problemas de atención primaria e da sanidade en Galicia se vaian resolver coa creación de seis grupos de traballo, tal como propón a Consellaría. O sindicato lembra que hai un ano xa se creara unha comisión técnica para tratar os problemas nos PAC e o resultado foi «un fiasco» pola «parsimonia» dos responsables do Sergas. Por esta razón, CCOO non quere «comisións dilatorias», senón unha negociación «transparente» coa representación legal do persoal e con compromisos «serios e coutados no tempo».

Sede do Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Sede do Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Entre outras cuestións, CCOO pide recuperar o Plan de mellora da atención primaria, que fora consensuado entre os profesionais, organizacións sindicais e o anterior Goberno da Xunta. O obxectivo era ampliar e mellorar a rede de atención con persoal e máis tempo de dedicación, garantindo como mínimo dez minutos para cada doente. Porén, o PP eliminou este plan no 2009, en canto regresou ao poder en Galicia.

Máis recursos para a atención primaria

O sindicato tamén quere que se recuperen as xerencias de atención primaria, hoxe integradas na atención hospitalaria, «coa consecuente descapitalización e perda de autonomía na xestión e planificación de recursos», apunta Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.

Desde CCOO avogan por recuperar o espírito da reforma sanitaria de 1984, que concibía a atención primaria como «instrumento esencial» do sistema público de saúde. Nesta liña, o sindicato aposta por destinar un mínimo do 7 % do PIB á sanidade e, deste orzamento, o 25 % á atención primaria.

Pechar o conflito dos PAC

Por último, CCOO-Sanidade insta a Xunta a pechar o conflito dos PAC. Para isto, debe atender reivindicacións como establecer a xornada ordinaria en 1451 horas anuais, eliminar a xornada complementaria, compensar o traballo de noite ou en festivos ao 100 % —tal como estaba asinado, pero o Sergas incumpriu—. Todas estas cuestións han ser tratadas convocando o comité de folga, conclúe Cameselle.

CCOO non cre que os grupos de traballo propostos por Sanidade solucionen os problemas da atención primaria en Galicia

mércores 19 de decembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas