Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

mércores 19 de decembro de 2018

FSC-CCOO e FeSP-UGT coidan «insuficientes» os incrementos retributivos que propón a Xunta para a Administración xeral

  • Os sindicatos critican a discriminación que se produce co persoal laboral fixo e co interino

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO (FSC-CCOO) e a Federación de Servizos Públicos de UGT (FeSP-UGT) cualifican de «insuficientes» os incrementos retributivos que propón a Xunta para o persoal da Administración xeral. Segundo os sindicatos, estes aumentos non son equivalentes aos aplicados ao resto das traballadoras e traballadores que dependen da Administración autonómica, ao tempo que exclúen o persoal laboral fixo e o persoal interino.

CCOO e UGT piden unha negociación para trasladar a Galicia o contido do Acordo estatal asinado o pasado marzo en Madrid, co obxectivo de conseguir un pacto galego para a mellora do emprego e das condicións laborais.

Precisamente, na reunión que tivo lugar hoxe para trasladar transposición do devandito acordo, houbo avances en materias como ofertas de emprego, promoción interna, percepción da totalidade do salario en caso de baixa médica, bolsa de horas de conciliación, mobilidade e funcionarización voluntaria. Todas estas melloras son grazas ao acordo pactado por CCOO e UGT no ámbito do Estado. Porén, os sindicatos rexeitan os «atrancos» canto a incrementos retributivos adicionais na carreira profesional, que son «moi inferiores aos aplicados no ámbito do Sergas».

Para o o persoal funcionario da Administración xeral, os incrementos propostos pola Xunta percibiríanse en sete anos nos grupos B, C1 e C2, e en oito anos nos grupos A1 e A2. Porén, no Sergas sería en catro anos. Asemade, a proposta da Xunta exclúe o persoal laboral fixo e o interino, como xa se indicou.

FSC-CCOO e FeSP-UGT coidan que a Xunta de Galicia debería «reconsiderar» a súa oferta de incrementos adicionais «resolvendo a discriminación do persoal funcionario e laboral da Administración xeral, para desbloquear a negociación e completar o que debería ser o Acordo galego de mellora de emprego e condicións laborais en Galicia», conclúen.

FSC-CCOO e FeSP-UGT coidan «insuficientes» os incrementos retributivos que propón a Xunta para a Administración xeral

mércores 19 de decembro de 2018

Documentos relacionados

Cuantificación e distribución de prazas de OPE 2018-2020 [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas