Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

xoves 20 de decembro de 2018

Éxito da folga na Corporación Radio e Televisión de Galicia

CCOO considera un éxito a folga de 24 horas que tivo lugar o mércores, 19 de decembro, na Corporación Radio e Televisión de Galicia. O paro convocouse para defender o servizo público da CRTVG e rexeitar tanto a represión como a manipulación informativa. Foi a culminación de varios meses de mobilizacións, que xa incluíran paros parciais.

Concentración fronte ao Parlamento de Galicia, na compostelá rúa do Hórreo

Concentración fronte ao Parlamento de Galicia, na compostelá rúa do Hórreo

Baixo o lema «Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á represión», as traballadoras e traballadores da Corporación comezaron a xornada reivindicativa cunha concentración, ás 10 horas, diante do Parlamento de Galicia. Posteriormente, manifestáronse por varias rúas de Santiago de Compostela ata a Praza Roxa, onde leron un manifesto coas súas demandas.

As traballadoras e traballadores da CRTVG expresaron deste xeito o seu compromiso coa defensa do servizo público da Radio e Televisión de Galicia, e facer partícipe a cidadanía das reivindicacións que levaron o persoal a convocar numerosos actos de protesta nos últimos meses.
 
Entre as reivindicacións que se puideron escoitar, salienta a petición de maior carga de traballo para o persoal propio da CRTVG e a fin da externalización da produción de programas ou das entradas en directo dos informativos, que están en mans de empresas privadas. Tamén esixiron estabilidade laboral e a fin dos contratos mercantís ou en fraude de lei, que aínda están a provocar litixios nos xulgados.
 
Así mesmo, reivindicaron a creación dun Consello de Informativos que canalice as protestas dos profesionais e impida a manipulación con finalidade partidista por parte de quen goberna na Xunta de Galicia.
 
Por último, esixiron a negociación efectiva dun Plan de igualdade que ofreza ás mulleres traballadoras da Radio e Televisión galegas un trato igualitario e as mesmas oportunidades laborais dentro do desenvolvemento da súa carreira profesional.

Éxito da folga na Corporación Radio e Televisión de Galicia

xoves 20 de decembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade