Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

xoves 3 de xaneiro de 2019

Galicia pecha 2018 con mais de 169.000 persoas desempregadas

  • CCOO denuncia que se desaproveitou un ano para transformar o crecemento económico en creación de emprego

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia considera que o Goberno da Xunta desaproveitou o ano 2018 por non aplicar as políticas adecuadas que trasladaran o crecemento económico á creación de emprego de calidade. Uns datos, aparentemente positivos que agochan moitas sombras no mercado laboral galego: o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade (mais de 983.000 contratos temporais asinados no último ano) e se concentra nos servizos de baixo valor engadido, o desemprego descende un 8,5% mentres que a afiliación só medra un 2,1% nunhas porcentaxes que son menos da metade que en anos precedente

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego en Galicia está directamente relacionada coa ausencia dun modelo produtivo de base industrial e tecnolóxica, a desaparición do investimento público como motor da economía nos orzamentos da Xunta desde a chegada do Partido Popular e o nefasto papel que en materia de políticas activas de emprego está a xogar o Goberno galego.

CCOO demanda ó Presidente Feijoo que recupere o papel do sector público galego na economía, que aposte por un modelo produtivo industrial e de servizos de alto valor engadido e poña as políticas de emprego e protección social para ó servizo das persoas.

CCOO demanda tamén o compromiso do sector empresarial na creación de emprego de calidade e na recuperación do poder adquisitivo dos salarios como medio inescusable o mantemento da actividade e a creación de emprego de calidade.

Paro rexistrado

O ano 2018 pechou con 169.295 persoas paradas inscritas nas oficinas dos servizos públicos de emprego: 73.383 homes e 95.912 mulleres. Polo tanto, o 57 % do paro rexistrado afecta as mulleres.

Segundo os datos publicados hoxe, en Galicia hai 1074 persoas paradas menos ca en novembro, é un descenso do 0,63 % (fronte a un descenso do 1,55 % no Estado) e 15.718 menos ca en decembro de 2017, o que supón un descenso do 8,50 % (en España, 6,17 %). Ese descenso queda por debaixo do que se produciu hai un ano: o paro rexistrado en Galicia en decembro de 2017 baixaba nun 1,16% na comparación mensual e nun 10,15 % na comparación anual.

Por sectores, o descenso do último mes concéntrase no colectivo sen emprego anterior (658 persoas paradas menos) e nos servizos (2.295 menos). Pola contra, sobe o paro na construción (860 persoas máis), na industria (824 máis) e na agricultura (195 máis). Na comparación anual, a baixada do paro atangue a todos os sectores de actividade e a maior segue dándose na construción.

Por sexos, no último mes o paro só baixa nas mulleres (2.156 paradas menos fronte a 1.082 parados máis) pero na comparación anual a maior diminución dáse nos homes (8.115 parados menos fronte a 7.603 paradas menos).

Análise da contratación

A contratación está marcada pola precariedade, que se manifesta na excesiva rotación no mercado laboral, a elevada temporalidade e demasiados contratos a xornada parcial. O 91,38 % dos contratos concertados en decembro foron eventuais: de 72.251 rexistrados, 66.023 foron temporais.

En termos mensuais, baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1.846 contratos indefinidos menos (−22,86 %) e 10.330 temporais menos (−13,53 %). En comparación co mes de decembro de 2017 rexistráronse 863 contratos indefinidos máis (+16,09 %) e 143 temporais menos (–0,22 %).

No ano 2018 bateuse a marca de contratos. Porén, a contratación segue condicionada por unha alta temporalidade. Dos 1 082 126 contratos rexistrados durante o ano 2018, o 90,89 % foron temporais.

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social alcanzou 1.006.107 ocupacións no mes de decembro de 2018, son 3.764 afiliacións menos ca no mes anterior: 3.142 ocupacións menos no réxime xeral (inclúese o réxime do fogar e o agrario), 343 menos no do mar e 278 menos no de autónomos.

En termos anuais, a afiliación á seguridade social aumentou en 20.659 ocupacións o que equivale a un incremento do 2,10 %. No mes de decembro de 2017 ese incremento era do 2,25 %.

A afiliación á seguridade social segue evolucionando peor en Galicia ca no Estado. Na comparación mensual retrocedeu na comunidade autónoma un 0,37 % e, pola contra, na media estatal subiu un 0,41 %. En termos anuais, a afiliación á seguridade social medra menos en Galicia ca no conxunto do Estado: un 2,10 % fronte ao 3,06 %.

Prestacións por desemprego

Segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en novembro de 2018 era do 56,30 %. Polo tanto había 67.993 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de prestacións por desemprego.

Doutra banda, só o 46 % das persoas beneficiarias de prestacións por desemprego cobran unha prestación contributiva. Así pois, en novembro de 2018 había 87.611 persoas percibindo prestación por desemprego: 40.313, unha prestación contributiva (o 46,01 % do total), 39.351 un subsidio (o 44,92 %), 7.878 a renda activa de inserción (o 8,99 %) e 69 correspondían ao programa de activación de emprego.
 
 

Galicia pecha 2018 con mais de 169.000 persoas desempregadas

xoves 3 de xaneiro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas