Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

venres 8 de febreiro de 2019

Galicia leva sete anos perdendo poboación activa e a temporalidade segue sendo moi elevada

  • Cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos, o cociente máis elevado da última década; o 37,6 % dos contratos iniciais temporais tiveron unha duración inferior á semana

Comisións Obreiras (CCOO) edita unha nova "Radiografía trimestral do mercado laboral galego". A partir dos datos da última enquisa de poboación activa (EPA), o sindicato elabora un diagnóstico da situación. Entre as principais conclusións deste traballo cabe salientar que no último ano se creou emprego na construción e, sobre todo, nos servizos, en detrimento do sector primario e da industria. O emprego creado é, sobre todo, precario. Ademais, Galicia aínda ten 108.300 persoas menos traballando ca hai dez anos, das cales o 84,21 % son homes. Tamén é destacable que a comunidade autónoma continúa por baixo da media estatal canto á recuperación do emprego perdido.

Cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos, o cociente máis elevado en dez anos

Cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos, o cociente máis elevado en dez anos

Polo tipo de xornada, en proporción aumentou máis a poboación ocupada a xornada parcial que a da xornada completa, co que a representación da xornada parcial na ocupación se incrementou do 13,1 % no cuarto trimestre de 2017 ao 13,9 % un ano máis tarde. A xornada parcial é involuntaria na maioría dos casos: o 57 % das persoas que a aceptaron é porque non atoparon un traballo a xornada completa, mentres que só o 7 % afirmou non querer un traballo a xornada completa.

No cuarto trimestre de 2018 había 34.400 persoas máis traballando por conta allea que un ano antes (+4,1 %). O emprego asalariado aumentou máis no sector privado ca no público (un 5 % fronte ao 1,1 %); no primeiro colleu pulo a creación de emprego pero no segundo minorou en relación con hai un ano.

A temporalidade aumentou con respecto a hai cinco anos

No último ano medrou máis a poboación asalariada con contrato indefinido ca con contrato temporal, polo que a taxa de temporalidade diminuíu ata o 26 % no cuarto trimestre de 2018 (un ano antes, a porcentaxe era do 26,8 %). Non obstante, en cinco anos de recuperación de emprego asalariado creáronse 95.000 postos de traballo e máis da metade foron temporais (51.400), o que empurrou a que a taxa de temporalidade subira do 22,5 % no cuarto trimestre de 2013 ata o 26 % cinco anos despois.

No ano 2018 formalizáronse 983 529 contratos temporais (o 90,89 % dos contratos rexistrados) e, polo tipo de xornada, 389 916 contratos a tempo parcial (o 36,03 % dos contratos rexistrados en 2018). A rotación laboral está en máximos: cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos, o cociente máis elevado da última década.

Rexístrase un número esaxerado de contratos temporais e, por riba, teñen unha duración moi curta que apenas se traducen en emprego. Aproximadamente o 37,6 % dos contratos iniciais temporais asinados no cuarto trimestre de 2018 tiñan unha duración inferior á semana.

Sete anos con perda de poboación activa

No último ano non se produciu unha caída significativa da poboación activa (900 persoas activas menos, un -0,1 %) pero Galicia xa leva sete anos consecutivos arrastrando perda de poboación activa. En comparación con 2011 hai 83.200 persoas activas menos en Galicia o que, en cifras relativas, supón unha redución do 6,3 % mentres que a poboación en idade legal de traballar baixou un 2,8 %.

Esa perda de poboación activa dáse, sobre todo, nos homes (59.700 activos menos) e, por grupos de idade, nas persoas menores de 40 anos. Os homes rexistraron a taxa de actividade máis baixa nun cuarto trimestre desde que existen estatísticas (ano 1996): 57,4 % no cuarto trimestre de 2018, pero aínda así a taxa de actividade das mulleres segue sendo inferior á dos homes en 8,5 puntos porcentuais.

Galicia leva sete anos perdendo poboación activa e a temporalidade segue sendo moi elevada

venres 8 de febreiro de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Radiografía trimestral do mercado laboral galego (4/2018) [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas