Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

luns 4 de marzo de 2019

CCOO denuncia que a precariedade laboral en Galicia «ten rostro de muller»

  • Soldos e prestacións inferiores, peores condicións e menor participación no mercado de traballo porque asumen a maioría de coidados familiares

En Galicia hai máis mulleres ca homes en idade legal de traballar. Malia isto, menos da metade participan no mercado de traballo (48,9 %), unha taxa de actividade case dez puntos inferior á dos homes. Este é un dos principais datos sobre os que botou luz o estudo que hoxe presentou o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) nunha conferencia de prensa en que interviron a secretaria da Muller, Mamen Sabio, e a economista do sindicato, Silvia Parga.

De esq. a der., Manen Sabio, secretaria da Muller de CCOO, e Silvia Parga, economista de CCOO

De esq. a der., Manen Sabio, secretaria da Muller de CCOO, e Silvia Parga, economista de CCOO

Entre os factores que explican este desequilibrio, cabe salientar a maior presenza de mulleres que de homes no coidado de menores ou de persoas adultas enfermas, con discapacidade ou maiores, alén de teren outras responsabilidades familiares ou persoais. Precisamente, unha das razóns de CCOO para convocar folga xeral por quendas para o vindeiro 8 de marzo é a esixencia de medidas efectivas para a corresponsabilidade e servizos públicos de conciliación de calidade, para que os coidados se repartan equitativamente entre mulleres, homes, sociedade e Estado.

Segregación no mercado de traballo

No cuarto trimestre de 2018 había unha diferenza de 8,2 puntos porcentuais entre a taxa de ocupación das mulleres e a dos homes. A brecha de xénero acurtouse bastante en relación coa de hai dez, anos pero niso influíu que a participación dos homes no emprego se resentiu moito. A taxa de ocupación das mulleres era do 42,7 % no cuarto trimestre de 2018 fronte ao 42,8 % dez anos antes. En cambio, a taxa de ocupación dos homes baixou do 57,3 % no cuarto trimestre de 2008 ao 50,9 % dez anos despois.

Persiste a segregación horizontal no mercado laboral. As mulleres traballan mormente nos servizos e teñen máis presenza ca os homes en ramas como actividades sanitarias e de servizos sociais, educación ou hostalaría. En cambio, hai outras ramas en que a muller ten escasa presenza como é o caso da construción ou a industria extractiva.

Tamén persiste a segregación vertical. As mulleres son maioría na categoría «ocupacións elementais», que, supostamente, requiren menores niveis de cualificación. En sentido contrario, a representación feminina nos postos de dirección e xerencia queda por debaixo do 40 %.

Pola situación profesional, en proporción, hai máis mulleres ca homes traballando por conta allea. As mulleres son maioría no sector público e os homes no privado. Canto ao emprego por conta propia, na categoría de empresario/a con asalariados/as encádranse o 5 % das ocupadas fronte ao 7 % dos ocupados. A representación da muller nesa situación profesional non chega ao 40 %.

Marca de xénero na xornada parcial

A xornada parcial «ten unha clara marca de xénero», explicaron as voceiras de CCOO. O 77 % das persoas que traballan a xornada parcial son mulleres. No cuarto trimestre de 2018 ocupaban un posto a xornada parcial o 22,4 % das traballadoras fronte ao 6,1 % dos traballadores. Esta modalidade de xornada non é voluntaria na maioría dos casos; de feito, a razón predominante para elixila é non atopar un traballo de xornada completa, como manifestaron o 57 % das ocupadas que se acolleron a esa xornada. O seguinte motivo máis manifestado polas mulleres é o coidado de menores ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores: o 98 % das persoas que traballan a xornada parcial por esa causa son mulleres.

Como denunciou CCOO en moitas ocasións, «a precariedade laboral ten rostro de muller», e os datos así o confirman. A taxa de temporalidade feminina supera a dos homes en 12,2 puntos porcentuais; as mulleres son maioría no paro (51 %) e no paro de longa duración (54 %); canto á protección por desemprego, a taxa da cobertura das mulleres foi do 52,8 % en decembro do 2018, fronte ao 63,3 % dos homes.

Peores condicións de traballo, pero tamén peores soldos. A fenda salarial é o resultado máis visible da desigualdade. Segundo a enquisa anual de estrutura salarial, no 2016, o salario medio anual das mulleres foi inferior ao dos homes en 5479,74 euros e tería que incrementarse un 30 % para poderse equiparar.

Tanto a secretaria da Muller como a economista do sindicato lembraron que a discriminación que acumulan as mulleres ao longo da súa vida laboral repercute na contía das pensións. «Urxe idear unha estratexia para eliminar e previr a fenda de xénero nesta franxa de idade, porque a poboación maior está empobrecida e é vulnerable», apuntou Sabio.

Insuficientes políticas públicas

Segundo Mamen Sabio, os datos demostran que a situación da muller no mercado de traballo galego «segue sendo moi precaria e así se revela neste informe». O «insuficiente» investimento das políticas públicas para desenvolver as medidas que conducirían á igualdade real é a razón de que esa situación non mellore: a temporalidade e a xornada parcial, a segregación ocupacional, o desemprego, a fenda salarial, a persistencia do teito de cristal, o acoso sexual ou por razón de sexo, os déficits na conciliación e a corresponsabilidade, a menor protección social e a fenda nas pensións «persistirán mentres non exista o convencemento e vontade política de corrixilas».

En opinión da dirixente sindical, as políticas públicas deben enfocarse a «crear expectativas laborais de calidade e afrontar as profundas transformacións sociais». A articulación de medidas de conciliación e corresponsabilidade que posibiliten proxectos de futuro debe ser asumida dende todos os ámbitos. Do contrario, «toparemos serias dificultades para abordar o reto demográfico que ten Galicia desde hai décadas».

«Atacar eficazmente as desigualdades sociais, concentrar esforzos, recursos e espazos nas políticas públicas orientadas ás mulleres será o único xeito de conseguir que a sociedade galega sexa en si mesma un proxecto de futuro», sentenciou Sabio.

CCOO denuncia que a precariedade laboral en Galicia «ten rostro de muller»

luns 4 de marzo de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Análise do mercado laboral desde a perspectiva de xénero [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas