Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

xoves 7 de marzo de 2019

A Xustiza condena o Consorcio Galego de Igualdade por lles denegar ás traballadoras permisos de conciliación

  • CCOO lamenta que, «unha vez máis», sexa necesario recorrer á vía xudicial para gozar de dereitos sociais que están recoñecidos por lei

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que o Consorcio Galego de Igualdade lles denega «de xeito discrecional» ás traballadoras permisos relacionados coa conciliación da vida laboral e familiar. O Xulgado do Social n.º 3 de Ourense acaba de condenar este ente público por lle negar a unha traballadora un permiso utilizado sen oposición por outras compañeiras.

Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Os feitos remóntanse ao pasado 22 de xaneiro, cando a afectada pediu un permiso porque ao seu fillo, após ser derivado ao hospital de Ourense polo seu pediatra, se lle prescribiu unha medicación regular cada poucas horas, con vixilancia domiciliaria sen acudir á escola infantil. Porén, desde o Consorcio denegáronlle o dito permiso, sen achegar unha xustificación clara e motivada.

Tal como di a sentenza, a propia normativa laboral permítelle á traballadora acollerse a este tipo de permisos e licenzas. Ademais, o artigo 108 do Código civil obriga as persoas que exercen a patria potestade a velar pola saúde dos fillos menores, circunstancia acreditada neste caso mediante certificación médica.

CCOO lamenta que, «unha vez máis», as traballadoras deban acudir á vía xudicial para facer valer os seus dereitos, recoñecidos por lei. «Aínda máis triste neste caso, xa que se trata dun organismo público», sinala o sindicato. Por esta razón, e co gallo do 8 de marzo, Comisións insta as Administracións a cumpriren coas súas obrigas, tamén no que atangue aos dereitos do seu persoal.


 

A Xustiza condena o Consorcio Galego de Igualdade por lles denegar ás traballadoras permisos de conciliación

xoves 7 de marzo de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade