Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

luns 11 de marzo de 2019

Ramón Sarmiento: «A clase traballadora galega ten nas súas mans decidir o futuro»

  • Tras a manifestación, CCOO homenaxeou en Ferrol a Tensi Álvarez Folgar, Melchor Roel Rivas e Xan López Facal

A crise dos sectores industriais e a concentración de citas electorais marcaron este ano as reivindicacións do Día da Clase Obreira Galega. Ao remate da manifestación en Ferrol, o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, salientou que «a clase traballadora galega ten nas súas mans decidir o futuro», tanto para frear o auxe da extrema dereita como para favorecer aquelas opcións «que teñen as persoas no centro das súas decisións».

Remate da manifestación de CCOO

Remate da manifestación de CCOO

O dirixente sindical articulou a súa intervención ao redor do lema deste ano, «En unidade. Con memoria. É o momento». Unidade para chegar a un esforzo «xeneroso» de mobilización unitaria que garanta un panorama electoral «asentado nos valores e principios comúns da esquerda», capaz de conformar unha maioría parlamentaria «que sexa o espello da maioría social que representa a clase traballadora».

Coa memoria naquel 10 de Marzo de 1972, cando os traballadores da antiga Bazán se manifestaron para reivindicar melloras no seu convenio colectivo e a ditadura respondeu coas balas que mataron a Amador e Daniel. Aqueles asasinatos «provocaron por toda Galicia unha marea de solidariedade e mobilizacións» que marcou a cultura sindical de CCOO, á procura sempre da unidade.

«É o momento», advertiu Sarmiento, «de que quen aspire a gobernar poña as persoas no eixe das súas políticas», recuperar a centralidade do traballo e o dereito ao traballo digno como «elementos fundamentais de estruturación da nosa sociedade».

Na súa primeira participación nesta conmemoración, o secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, alertou de que na última década «hai un cuestionamento importante dos dereitos laborais e sociais conseguidos durante moitos anos pola clase obreira», e remarcou a necesidade da «organización colectiva» ao redor dos sindicatos para reforzar os dereitos laborais.

O dirixente confederal referiuse aos asasinatos dos compañeiros Amador Rey e Daniel Niebla a mans da policía franquista e lembrou as palabras dun dos fundadores do sindicato, Nicolás Sartorius, quen máis dunha vez insistiu en que «Franco morreu na cama, pero a ditadura morreu na rúa» grazas á loita obreira.

Membros da xuventude de CCOO tamén tomaron a palabra ao remate da manifestación para denunciar «a desindustrialización e a grave precariedade», que castigan de xeito especial as persoas máis novas, así como o abuso dos contratos en prácticas «para substituír traballadores e traballadoras», pero cobrando só unha parte do seu salario. Fronte a isto, a mocidade de Comisións Obreiras seguirase mobilizando, porque «perdemos o medo co que tanto nos aleccionaron».

Entrega dos Premios 10 de Marzo

Despois da manifestación, o Centro Torrente Ballester acolleu o acto de entrega dos Premios 10 de Marzo, cos que o sindicato e a súa fundación homenaxean persoas que se destacaron na loita polas liberdades e en defensa dos dereitos da clase traballadora. Os galardón recaeron nesta ocasión en Tensi Álvarez Folgar, Melchor Roel Rivas —falecido en 2013— e Xan López Facal.

Maca López, viúva de Roel, subiu ao escenario para recoller o premio. Moi emocionada, recoñeceu que o vídeo proxectado minutos antes lle fixera «rememorar moitas cousas». Lamentando que Melchor non puidese estar nun día como este, agradeceu que tanto o sindicato como a Fundación quixesen igualmente outorgarlle o galardón.

Tras recoller o seu premio, Tensi Álvarez recoñeceuse como parte dunha xeración que sufriu e se educou «baixo o xugo do franquismo», un réxime ditatorial que era «abafante, especialmente para as mulleres». Tamén lembrou que os dereitos conquistados polas mulleres e pola clase obreira son «froito da pelexa de persoas que sabían de que lado estaban e a quen defendían».

Por último, Xan López Facal fixo unha acendida defensa da clase traballadora, ligando o percorrido histórico do movemento obreiro cos acontecementos máis recentes. Rematou agradecéndolle a CCOO, un sindicato co que está «en plena sintonía», que lle outorgase este galardón.

«O mellor que temos na sociedade»

Tras unha breve intervención de Unai Sordo, que puxo en valor o labor realizado por CCOO cada 10 de Marzo, concluíu o acto o secretario xeral do Sindicato Nacional, Ramón Sarmiento. Na súa opinión, as persoas que o sindicato recoñece cada ano cos Premios 10 de Marzo «son o mellor que temos na sociedade».

O dirixente sindical enxalzou o valor simbólico e histórico do 10 de Marzo, «esa pegada de memoria colectiva da que nos sentimos orgullosos, que explica moitas das cousas que aínda hoxe pasan». Finalmente, insistiu na idea xa apuntada ao remate da manifestación, desexando que nos próximos días e semanas a clase traballadora «atine nunha decisión determinante», porque «arriscamos moito», incidiu.

Ramón Sarmiento: «A clase traballadora galega ten nas súas mans decidir o futuro»

luns 11 de marzo de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Galería de imaxes

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
Áreas - Institucional - Actualidade