Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

martes 12 de marzo de 2019

A Executiva Nacional de CCOO aproba resolucións de apoio ao persoal de Vulcano, das ambulancias e dos centros de chamadas

  • Ante as próximas eleccións políticas, o sindicato chama a mobilizarse de xeito activo para impedir retrocesos en dereitos

A Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia, reunida hoxe en Vigo, aprobou resolucións de apoio ao persoal dos estaleiros Vulcano, ás traballadoras e traballadores das ambulancias (que levan semanas de conflito laboral) e de diversas empresas do sector dos centros de chamadas, como Bosch, Accepta (da aseguradora Santa Lucía), DXC Technology e Teleperformance.

Resolución da Comisión Executiva Nacional de CCOO

Resolución da Comisión Executiva Nacional de CCOO

Para a dirección do sindicato, cómpre «apoiar a incansable loita» do cadro de persoal do estaleiro vigués Vulcano, e insta a Xunta a iniciar accións «conxuntas» na planificación dun renovado proxecto para as Factorías Vulcano, que se adxudique a unidade produtiva logo da entrega do buque á navieira Armas, «co fin de garantir o mantemento da actividade naval, renovar o modelo de xestión e manter o emprego».

Centros de chamadas

O sector dos centros de chamadas ten actualmente máis empresas en problemas e con conflitos laborais en Galicia. A dirección de CCOO amosa a súa preocupación, xa que se trata de sectores altamente feminizados (máis do 70 % son mulleres) e con alta precariedade. O sindicato salienta os casos de Bosch, en Vigo, que rescindiu contratos a máis de douscentos traballadores e traballadoras con contrato temporal e presentou unilaterlamente un ERTE; DXC Technology na Coruña, que pasou de 400 a 60 empregadas; Accepta Soluciones Integrales, do Grupo Santa Lucía, que xa anunciou o peche dos centros da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra, e afecta a cen traballadoras; e o conflito en Teleperformance na Coruña, onde xa houbo paros con gran seguimento contra as «prácticas antisociais» da empresa.

Advertencia ás Administracións

CCOO tamén lles lembra ás Administracións a súa responsabilidade cando asumen o rol de contratistas e dan entrada nas licitacións «a empresas contrastadamente incumpridoras dos dereitos dos traballadoras/es, coa intención de desmantelar o convenio colectivo», como é o caso que desembocou no longo conflito das ambulancias.

Centro de maiores no Cíes

A Executiva Nacional de CCOO amosa o seu apoio á iniciativa da Unión Comarcal de CCOO de Vigo e da Federación de Pensionistas para que o antigo Hospital Cíes se converta nunha residencia pública de maiores. Neste sentido, o sindicato pídelle á Xunta de Galicia que adopte as decisións necesarias para que este proxecto se poida levar a cabo e a cidade conte cun centro que «será un referente no ámbito xerontolóxico».

Mobilizarse contra o retroceso en dereitos

Por último, ante o especial momento social e político, o sindicato inicia un «proceso de acción» para a mobilización electoral que «poña freo a calquera intento reaccionario de retroceso nos dereitos, na igualdade, nas liberdades ou no autogoberno en Galicia».

A Executiva Nacional de CCOO aproba resolucións de apoio ao persoal de Vulcano, das ambulancias e dos centros de chamadas

martes 12 de marzo de 2019

Documentos relacionados

Resolución aprobada pola Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade