Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

venres 3 de maio de 2019

O Ministerio de Traballo avala a posición de CCOO ao descualificar a Servicarne por ser unha falsa cooperativa

Esta mesma semana, o Ministerio de Traballo emitiu a resolución de descualificación contra Servicarne Sociedad Cooperativa, ao considerar que é unha falsa cooperativa, tal e como propuxera a Inspección de Traballo tras a denuncia de CCOO.

CCOO leva moito tempo cun intenso labor de denuncia da fraude laboral no sector cárnico

CCOO leva moito tempo cun intenso labor de denuncia da fraude laboral no sector cárnico

A resolución de descualificación dá por finalizado o expediente no nivel administrativo, a pesar de que desde o mes de febreiro Servicarne e as empresas cárnicas realizaron alegacións que non prosperaron. CCOO foi o único sindicato que compareceu no procedemento de descualificación, realizando os respectivos informes alegatorios contra os argumentos de Servicarne e as empresas cárnicas usuarias.

Os argumentos de fondo para que o Ministerio de Traballo emitise a descualificación contra Servicarne poñen énfase en que a falsa cooperativa, malia ter esa aparencia, non funciona como tal, pois incumpre o dereito e os principios establecidos na lei de cooperativas. As altas e as baixas na cooperativa non eran voluntarias, senón a criterio das empresas clientes, converténdose nun instrumento privilexiado de flexibilidade para as empresas, e non de dereitos dos socios e socias. Ademais, carecía dunha estrutura e funcionamento democrático, así como de ausencia de relación cooperativa entre as persoas socias.

Cando ás condicións laborais, eran inferiores ás dos traballadores e traballadoras por conta allea homólogas, e non se cumpría co requisito de ofrecer un emprego estable e de calidade. Na mesma liña, carecían de vacacións pagas e realizaban xornadas superiores. Todo isto, ao tempo que cotizaban no réxime de autónomos, polo que tiñan unha cobertura de protección social inferior á que correspondería no réxime xeral.

Segundo o Ministerio de Traballo, Servicarne era unha simple intermediaria de man de obra que carecía dos medios materiais, organizativos e produtivos para levar a cabo o obxecto social dunha cooperativa. Non era unha empresa cárnica, senón unha oficina que fornecía de traballadores a industria cárnica.

O Ministerio conclúe que os feitos probados son constitutivos dunha «infracción moi grave», consistente na paralización ou inactividade dos órganos sociais durante dous anos e que responde ás causas de disolución, segundo a lei de cooperativas, polo que procede á súa descualificación.

Este golpe avala a posición de CCOO, sindicato que leva anos mantendo que no sector cárnico hai unha fraude masiva mediante a figura das falsas cooperativas e os falsos autónomos. Así mesmo, a descualificación ten gran relevancia de cara aos xuízos que iniciarán relativos ás actas de liquidación de cotas á Seguridade Social contra as empresas cárnicas clientes de Servicarne.

Así mesmo, CCOO insta o Consello Reitor de Servicarne a convocar unha asemblea extraordinaria co único punto na orde do día da disolución e liquidación da falsa cooperativa. De non o facer e seguir con esta trama, o sindicato non descarta denunciar o órgano perante a Fiscalía por un delito contra as persoas traballadoras.

Servicarne Sociedad Cooperativa dispuña no mes de febreiro de 2018 de 5284 persoas socias. Tras o labor sindical de CCOO e a presión da autoridade laboral, só dispón de algo máis de mil.

O Ministerio de Traballo avala a posición de CCOO ao descualificar a Servicarne por ser unha falsa cooperativa

venres 3 de maio de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas