Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

luns 6 de maio de 2019

CCOO sinala que o factor estacional fai diminuír o paro rexistrado, pero consolida un modelo de crecemento baseado na precariedade

  • O sindicato afirma que «con isto non abonda» para mellorar a economía galega e a calidade de vida das persoas

Comisións Obreiras (CCOO) sinala que o efecto da Semana Santa fixo diminuír o paro rexistrado do mes de abril. Porén, trátase de postos de traballo «con data de caducidade» que consolidan un modelo de crecemento baseado na precariedade. Para a secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, «con isto non abonda» para mellorar a economía galega e a calidade de vida das persoas.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Segundo a sindicalista, «non compartimos que a precariedade sexa a norma, senón que ha ser a excepción». Na súa opinión, Galicia «estase habituando a un mercado laboral precario que só vai ben cando o vento sopra a favor».

Canto ao factor estacional, Bouza defende a importancia do sector turístico para Galicia, pero matiza que «o turismo que precisamos é o de calidade, que se mantén todo o ano e está ligado a outros sectores» da economía galega.

Na súa opinión, os datos do paro rexistrado do último mes, pero tamén a recente enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre do ano, revelan que o crecemento económico en Galicia «ten bases moi febles e o novo emprego é mormente precario». Por esta razón, defende pór en marcha reformas que sirvan para transformar o tecido produtivo, apostando pola industria, que representa o 17 % do PIB galego cando o obxectivo estratéxico é que supere o 20 % no 2020.

«Sen un mercado do traballo diversificado e con emprego de calidade, será imposible estender a cobertura social ás persoas que máis o precisan ou garantir o sistema público de pensións», conclúe Bouza.

Análise do paro rexistrado

O mes de abril pechou con 166 226 persoas desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego: 96 158 mulleres (o 58 % do desemprego) e 70 068 homes. Dese total, 8070 persoas tiñan menos de 25 anos (5 % do paro rexistrado).

No mes de abril había 4615 persoas paradas menos inscritas nas oficinas do servizo público de emprego ca no mes de marzo e, en proporción, o descenso do paro rexistrado foi menor en Galicia ca na media estatal (-2,70 % fronte ao –2,81 %). En termos anuais, o paro rexistrado baixou en 16 065 persoas (−8,81 % fronte ao −5,17 % na media estatal).

Na comparación mensual, en proporción, a baixada do paro foi maior nos homes ca nas mulleres: 2230 parados menos (–3,08 %) e 2385 paradas menos (–2,42 %). Por grandes grupos de idade, o maior descenso dáse en menores de 25 anos con 380 persoas paradas menos (–4,50 %) e 4235 menos entre as persoas de 25 ou máis anos (–2,61 %).

Por sectores, o paro rexistrado descende en todos eles e o maior descenso prodúcese nos servizos: 3991 persoas paradas menos nos servizos (−3,41 %), 281 na construción (–2,01 %), 242 na industria (−1,27 %), 42 na agricultura (–0,68 %) e 59 no colectivo sen emprego anterior (−0,41 %).

Análise da contratación

Este mes de abril rexistráronse 83 967 contratos; deles, 76 669 foron temporais (o 91,31 % do total de contratos rexistrados) fronte a tan só 7298 indefinidos (o 8,69 %).

En relación co mes anterior, aumentou máis a contratación temporal que a indefinida: 8314 contratos temporais máis (+12,16 %) fronte a só 118 contratos indefinidos máis (+1,64 %). En termos anuais, subiu a contratación temporal en detrimento da indefinida: 3042 contratos temporais máis fronte a 919 indefinidos menos.

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social sobe máis devagar en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual. No mes de abril había 6186 afiliacións máis ca en marzo, o que supón un incremento do 0,62 % (a porcentaxe na media estatal era do 0,98 %). Por réximes, hai 6054 afiliacións máis no réxime xeral, 346 máis no de autónomos e 213 menos no do mar.

Desde o mes de abril de 2018 hai 21 175 afiliacións máis en Galicia pero, en proporción, a afiliación media á seguridade social tamén sobe menos na nosa comunidade ca na media estatal: 2,14 % e 2,95 %, respectivamente.

O paro rexistrado baixou ata as 166 226 persas no mes de abril de 2019; son 6477 máis ca once anos antes. Non obstante, a afiliación media á seguridade social situouse en 1 010 592 persoas ocupadas no mes de abril de 2019 e aínda faltarían por recuperar outras 69 768 afiliacións para nos situar nos niveis de ocupación que había no mes de abril de 2008.

Prestacións por desemprego

No mes de marzo, 89 879 persoas percibían prestacións por desemprego e, desas, só o 45 % eran contributivas. Así pois, as prestacións por desemprego segundo modalidade foron as seguintes no dito mes: 40 274 persoas percibían unha prestación contributiva (o 44,81 %), 42 266 un subsidio por desemprego (o 47,03 % do total das prestacións), 7332 a renda activa de inserción (o 8,16 % do total) e, as restantes sete correspondían ao programa de activación de emprego.

Das 156 374 persoas paradas con experiencia laboral que había no mes de marzo, só o 57,48 % estaban percibindo unha prestación por desemprego. Polo tanto, había máis de 66 000 persoas paradas con experiencia laboral que xa carecen de cobertura por desemprego.

CCOO sinala que o factor estacional fai diminuír o paro rexistrado, pero consolida un modelo de crecemento baseado na precariedade

luns 6 de maio de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas