Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 9 de maio de 2019

Asinado o convenio de pedra e mármore da provincia da Coruña

  • Terá unha vixencia de cinco anos, garantindo estabilidade na negociación colectiva para os traballadores e traballadoras do sector

Esta semana asinouse o convenio de pedra e mármore da provincia da Coruña, cunha vixencia de cinco anos (2017-2021), garantindo estabilidade na negociación colectiva para os traballadores e traballadoras do sector. A negociación do convenio, na que CCOO mantivo unha postura «moi esixente», conseguiu aumentos salariais retroactivos para os anos 2017 e 2018 (1,9 e 2 %, respectivamente), así como subas do 2,25 % para este ano 2019, da mesma contía para 2020 e do 2,5 % para 2021.

Garántese o poder adquisitivo para o persoal do sector | Foto: Caropat (Pixabay)

Garántese o poder adquisitivo para o persoal do sector | Foto: Caropat (Pixabay)

Garantía do poder adquisitivo

Ademais do dito incremento salarial fixo, que vai na liña do asinado por CCOO no Acordo de Emprego e Negociación Colectiva estatal, tamén se prevé unha parte variable mediante unha cláusula de revisión. Deste xeito, se o incremento do IPC chega ou supera o aumento de soldo previsto, o incremento salarial será do IPC real máis un 0,3 % adicional. Por exemplo, para 2019 acordouse unha suba do 2,25 %, pero se o IPC finalmente for do 2,3 %, a suba salarial sería do 2,6 %.

Alén destas cláusulas para garantir o poder adquisitivo, tamén se aboará antes de que remate 2019 unha paga lineal de catrocentos euros para todas as categorías, como compensación polas diferenzas salariais xeradas durante os anos 2017 e 2018.

No texto asinado inclúese, así mesmo, a obriga para todas as empresas que empreguen a modalidade contractual de «posta a disposición» de que asuman o convenio provincial de pedra e mármore sempre que realicen traballos suxeitos a el. Isto evitará que haxa persoal de primeira e segunda categoría desenvolvendo as mesmas tarefas no mesmo centro de traballo.

Regulación do traballo en quendas

Por vez primeira, regúlase o traballo con xornada en quendas para as empresas de aglomerados de cuarzo e granito con resinas. As xornadas en dúas quendas distribuiranse, de luns a venres, en quendas rotatorias de oito horas de mañá ou de tarde. As xornadas de tres quendas serán de luns a venres, con quendas rotatorias de oito horas de mañá, de tarde ou de noite. Do mesmo xeito, establécese un complemento de quendas de cinco euros por cada día efectivo traballado.

Saúde laboral

Canto á seguridade e a saúde laboral, no caso de persoal exposto a po de sílice, as empresas asumirán os custos que supoña facer a revisión no Instituto Nacional de Silicose, en Asturias. Isto, sempre e cando a dita revisión sexa proposta polo servizo de vixilancia da saúde na empresa. Este compromiso manterase mentres en Galicia non se conte cun centro das mesmas características.

Asinado o convenio de pedra e mármore da provincia da Coruña

xoves 9 de maio de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas