Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

sábado 8 de xuño de 2019

Un milleiro de persoas esixen na Coruña solucións para a industria electrointensiva

Este sábado tivo lugar na Coruña unha nova manifestación para esixir futuro para a industria electrointensiva. Preto dun milleiro de persoas secundaron a convocatoria dos comités de empresa de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic a prol dunha eléctrica competitiva.

Un momento da manifestación na Coruña

Un momento da manifestación na Coruña

O presidente do comité de empresa de Alcoa-A Coruña, Juan Carlos López Corbacho (CCOO), instou os Gobernos autonómico e central a daren as máximas garantías para os posibles compradores da factoría coruñesa. «Non apoiaremos un proceso a curto prazo e sen as máximas garantías, e son o Estado e a Xunta os que deben dalas». No caso de non haber garantías, «vannos ter en contra», advertiu o sindicalista.

A condición básica para garantir o futuro do sector e, en particular, das plantas de Alcoa en España, depende da regulación do prezo da enerxía e a aprobación do estatuto das industrias electrointensivas, ao que se comprometera o Goberno de Pedro Sánchez xa antes das eleccións xerais do pasado abril. «Hai demasiados compromisos como para que se poñan agora de perfil», sentenciou Corbacho.

En termos similares se pronunciaron os voceiros de Celsa Atlantic (A Laracha) ou Ferroatlántica (Cee, Dumbría e Arteixo), que lembraron que hai centos de postos de traballo en xogo e que a problemática, denunciada hai anos, agravouse nos últimos tempos.

Ao remate, o actor Santiago Fernández, director da coruñesa Casa Hamlet, leu un comunicado no que se instaba a Xunta e o Goberno do Estado a asumiren a «obriga ética e política» de participaren como investidores no proceso, garantindo deste xeito a transición ata acadar un prezo competitivo para a enerxía eléctrica.

Un milleiro de persoas esixen na Coruña solucións para a industria electrointensiva

sábado 8 de xuño de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade