Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

luns 15 de xullo de 2019

CCOO repróchalle a Feijóo que sitúe «os intereses do partido por riba dos do Galicia» e deixe o CES sen dirección

  • O sindicato esixe unha «persoa de prestixio» á fronte do Consello Económico e Social para dinamizar e revitalizar a institución

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) repróchalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que sitúe «os intereses do partido por riba dos de Galicia» ao non renovar a Presidencia do Consello Económico e Social (CES). Case mes e medio despois de que Corina Porro anunciase que deixaría o cargo para asumir a Xestora do Partido Popular de Vigo, renuncia que formalizou a pasada semana, o ente consultivo mantense nunha situación de provisionalidade.

CCOO esixe unha «persoa de prestixio» á fronte do CES para revitalizar e dinamizar a institución

CCOO esixe unha «persoa de prestixio» á fronte do CES para revitalizar e dinamizar a institución

Para CCOO, «non é de recibo» que o PP recompoña a súa estrutura en Vigo «á custa das necesidades do país». Desde o sindicato lémbranlle a Feijóo que o CES ten un «importante papel» —definido pola Lei 6/1995, do 28 de xuño— como ente consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica.

O CES está composto por trinta e cinco membros —en breve trinta e oito—, entre os cales hai representantes dos principais sindicatos —entre eles CCOO—, das organizacións empresariais, as tres universidades, organizacións de ámbito agrario e marítimo-pesqueiro, así como organizacións de consumidores e usuarios. «En definitiva, unha expresión da sociedade galega», salienta CCOO.

Tendo en conta a súa función e que actualmente está en marcha o proceso de diálogo social entre a Xunta, patronal e sindicatos, CCOO urxe o presidente galego a acometer a remuda á fronte do CES, «previa interlocución cos axentes sociais». O sindicato esixe que se poña á fronte do CES unha «persoa de prestixio» que dinamice e revitalice a institución, non un cambio pensado como «retiro dourado».

CCOO repróchalle a Feijóo que sitúe «os intereses do partido por riba dos do Galicia» e deixe o CES sen dirección

luns 15 de xullo de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Áreas - Institucional - Actualidade