Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

xoves 18 de xullo de 2019

O acordo que desconvoca a folga dos PAC é «froito da firmeza» dos traballadores e das traballadoras, salienta CCOO

  • Tras máis de 200 días de folga, o Sergas vese obrigado a rectificar e asumir boa parte das reivindicacións do persoal; porén, CCOO non renuncia a que se aplique axeitadamente o pacto de 2008

O mércores 17 de xullo, tras un longo conflito de máis dun ano e unha folga que durou máis de 200 días, chegouse a un acordo para desconvocar os paros e mobilizacións do persoal dos puntos de atención continuada (PAC) de Galicia. A Federación de Sanidade de CCOO salienta que o pacto é «froito da firmeza» dos traballadores e das traballadoras, que por dúas veces rexeitaron as propostas do Sergas.

Tras máis de 200 días de folga, o Sergas vese obrigado a rectificar

Tras máis de 200 días de folga, o Sergas vese obrigado a rectificar

A última proposta presentada pola Administración sanitaria incrementa a contía da atención continuada en noites e festivos, que inicialmente era do 40 % en 2020 e o 60 % restante en 2021. «Esta proposta, que lles servía a algúns sindicatos, foi rexeitada en dous referendos polo persoal afectado», apuntan desde CCOO. Tamén lembran que «o sindicato que di representar a enfermaría, desvinculouse do conflito hai meses».

Comisións rexeita que as organizacións que ata o momento «ían da man da Administración» queiran agora «apropiarse do éxito conseguido e asinado polo comité de folga», ao que o Sergas e esas organizacións «quixeron deixar fóra, teimando en que só se debía negociar na mesa sectorial». Polo tanto, CCOO insiste que o pacto que desconvoca a folga é «froito da firmeza dos traballadores e das traballadoras».

O compromiso a que se chegou agora é que o 80 % do dito incremento retributivo se aplique en 2020, e só o 20 % restante en 2021. O Sergas tamén se compromete a reforzar os dispositivos de urxencias de atención primaria en caso de eventos especiais, a unha maior participación dos profesionais á hora de fixar obxectivos e a dotar este mesmo ano de equipamentos de protección individual (EPI) e uniformes a todo o persoal, entre outras cuestións.

CCOO-Sanidade lamenta que o Sergas «dilatase no tempo» a posibilidade de acordo pola súa negativa a negociar co comité de folga, «que durante este conflito representou a opinión de todos os profesionais dos PAC». A pesar da importancia dos compromisos conseguidos, Comisións non renuncia a seguir loitando para que o acordo do 2008 se aplique axeitadamente e garanta a neutralidade da xornada.

O acordo que desconvoca a folga dos PAC é «froito da firmeza» dos traballadores e das traballadoras, salienta CCOO

xoves 18 de xullo de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas