Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

martes 3 de setembro de 2019

Sobe o paro e baixa a ocupación no peor mes de agosto desde o 2008, antes da crise económica

  • CCOO afirma que «urxe» conformar un Goberno de progreso no Estado e deseñar novas políticas en Galicia que revertan a situación

O paro creceu en Galicia en 2899 persoas, un aumento do 1,92 % respecto do mes de xullo e lixeiramente superior ao dato estatal. Este é o maior incremento dun mes de agosto desde 2008, antes da crise económica, e evidencia a desacelaración do emprego en Galicia. Ademais, amosa unha clara fenda de xénero no que atangue ao desemprego, pois o paro sobe en 1047 homes, pero as mulleres demandantes de emprego son 1852 máis.

Uns datos tan negativos en agosto obrigan a tomar medidas decontado para evitar unha nova recesión

Uns datos tan negativos en agosto obrigan a tomar medidas decontado para evitar unha nova recesión

Para a secretaria de Emprego de CCOO de Galicia, Maica Bouza, os datos publicados hoxe, como xa avanzaban os do mes pasado, «colocan sobre o mercado laboral galego unhas luces vermellas ás que a Xunta debe atender».

Estes datos «tan negativos para un mes de agosto» obrigan, en opinión de CCOO, «a adoptar medidas decontado para evitar unha nova recesión». No ámbito estatal «urxe» conformar un Goberno de progreso que reverta o dano feito pola reforma laboral e asuma os cambios estruturais que necesitan a economía e a sociedade española, sinala Bouza.

A responsable de Emprego de CCOO tamén lle pon tarefas á Xunta de Galicia, que «non pode seguir eludindo as súas responsabilidades» e debe deseñar «novas políticas» nos orzamentos de 2020, co obxectivo de que Galicia «non sufra unha nova recesión e melloren as condicións de vida e traballo da cidadanía galega».

Análise por sectores

Por sectores, o dos servizos é o responsable da maior parte da suba do desemprego (2672 persoas paradas máis), concentrando nove de cada dez novas persoas desempregadas. No resto dos sectores, o incremento é menos significativo. Con todo, o paro diminuíu este mes no colectivo de persoas sen emprego anterior.

No mes de xullo, cobraron algún tipo de prestación 83.546 persoas. Delas, 38.842 perciben unha prestación contributiva e o resto (44.704) son persoas paradas en situación de necesidade que cobran un subsidio de 436 euros. Isto é, hai en Galicia 56.844 demandantes de emprego con experiencia laboral que non teñen unha ocupación e que non reciben ningunha prestación.

Canto á Seguridade Social, a afiliación baixou tamén en 582 cotizantes en relación co mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.036.900, das cales 211.003 son autónomas.

Evolución interanual

O paro interanual reduciuse un 6,45 % respecto ao ano anterior. Unha cifra insuficiente para resolver o problema das 153.820 persoas paradas en Galicia, especialmente no caso das mulleres. Entre as paradas, o desemprego baixou un 5,9 % nos últimos doce meses, fronte ao 7,2 % dos homes.

Análise da contratación

Outro indicador da contracción do mercado laboral é a drástica caída dos contratos rexistrados en agosto. Asináronse 93.629 contratos, 27.469 menos que o mes anterior. Deles, 87.866 foron temporais, ou sexa, o 93,8 %. Tendo en conta que este mes baixa a afiliación neta, pódese concluír que a rotación no mercado laboral galego é «escandalosa», en opinión de CCOO. Sirva como dato ilustrativo que o 29,4 % dos contratos que se asinaron nos sete primeiros meses de 2019 tiñan duración indeterminada e, dos que se coñecía a duración, o 45 % eran contratos de menos dunha semana.

Sobe o paro e baixa a ocupación no peor mes de agosto desde o 2008, antes da crise económica

martes 3 de setembro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros