Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

mércores 2 de outubro de 2019

CCOO alerta de que a tendencia negativa do emprego en Galicia continúa: sobe o paro e cae a ocupación

  • Os datos confirman que o actual modelo produtivo está «esgotado», segundo o sindicato

Comisións Obreiras (CCOO) alerta de que continúa a tendencia negativa do emprego en Galicia. Os datos coñecidos hoxe, como xa avanzaban os de xullo e agosto, «amosan serias luces vermellas» sobre o mercado laboral galego: medra o paro e redúcese o emprego, o que se manifesta en importantes conflitos laborais nos sectores industriais e de servizos de Galicia. Segundo os datos do paro rexistrado, no último mes sobe o desemprego e cae a ocupación. Respecto do mes de agosto, en setembro aumentou o paro en 3164 persoas (2,06 % máis), incremento que supera en case cinco veces a media estatal.

O modelo produtivo galego está esgotado, afirma CCOO

O modelo produtivo galego está esgotado, afirma CCOO

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, apunta que este aumento «é o máis alto dun mes de setembro desde 2013» e segue evidenciando a desacelaración da actividade e, en consecuencia, do emprego. Na súa opinión, os datos «son elocuentes e confirman que o modelo produtivo está esgotado».

A sindicalista coida que «é o momento» de tomar medidas para evitar que a desaceleración da actividade se torne en recesión «e esnaquice o noso xa feble tecido produtivo». Na súa opinión, cómpre resolver a interinidade do Goberno central e que a Xunta «exerza as súas competencias», que deben «quedar reflectidas» nos orzamentos de 2020 «para que Galicia supere co menor custo posible a freada da actividade».

Paro rexistrado e afiliación

Entre os homes, o paro sobe en 1257, fronte a 1907 mulleres desempregadas máis, o que revela o aumento da fenda de xénero. Por idades, medra máis entre as persoas menores de 25 anos (7,5 %) que entre as maiores desa idade (1,8 %). Canto aos sectores, o dos servizos é o responsable da maior parte da suba do desemprego, con 2847 persoas paradas máis, xa que nos restantes o incremento é menos significativo. Ademais, no sector primario reduciuse o desemprego no último mes.

Canto á Seguridade Social, a afiliación baixou tamén en 582 cotizantes en relación co mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 029 548, das cales 211 444 son autónomas.

En Galicia, o paro rexistra 3164 persoas máis, mentres que a afiliación baixa en 7352, o que quere dicir que hai 4000 persoas que abandonan o mercado laboral. Xusto o contrario do que acontece no Estado, onde o paro medra ao tempo que o fai a afiliación.

O paro interanual reduciuse un 5,61 % respecto ao ano anterior (xusto a metade que a evolución interanual no mesmo mes de 2018). A cifra é insuficiente para resolver o problema das 156 984 persoas paradas en Galicia. Pero máis insuficiente no caso das mulleres. Entre as paradas, o desemprego reduciuse un 5,4 % nos últimos doce meses; entre os homes, un 6,0 %.

A pesar da caída da afiliación, asináronse 106 735 contratos, 13 106 máis que o mes anterior. Destes, 96 936 son temporais, ou sexa, o 90,8 %. Tendo en conta que este mes a afiliación neta baixa, «pódese concluír que a rotación no mercado laboral galego é escandalosa», apunta Bouza. Como exemplo, o 29,4 % dos contratos que se asinaron nos sete primeiros meses de 2019 eran de duración indeterminada e, dos que se coñecía a duración, o 45 % eran contratos de menos dunha semana.

Prestacións

En agosto —para o mes coñecerase o dato de setembro— cobraron algún tipo de prestación 84 672 persoas. Delas, 40 270 cobran unha prestación contributiva e o resto, 44 402, son persoas paradas en situación de necesidade que cobran un subsidio de 436 euros. Isto é, en Galicia hai 58 708 demandantes de emprego con experiencia laboral que non teñen unha ocupación e que non reciben prestación ningunha, case 2000 persoas máis que no mes anterior.


 

CCOO alerta de que a tendencia negativa do emprego en Galicia continúa: sobe o paro e cae a ocupación

mércores 2 de outubro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros