Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

martes 5 de novembro de 2019

Malos datos para Galicia: sobe o paro e baixa a ocupación

  • O paro rexistrado é o máis alto dun mes de outubro desde o 2013, polo que CCOO coida confirmada a «tendencia á desaceleración do emprego en Galicia»

Os datos publicados hoxe consolidan a tendencia iniciada en xullo de desaceleración na creación de emprego. O paro aumentou en Galicia en 7323 persoas, unha suba do 4,66 % respecto do mes de setembro que, ademais, é 1,5 puntos superior á media estatal. Este incremento é o máis alto dun mes de outubro desde 2013 e o terceiro consecutivo, polo que CCOO coida confirmada a «tendencia á desaceleración do emprego en Galicia».

Oficina de emprego en Galicia

Oficina de emprego en Galicia

A secretaria de Emprego de CCOO de Galicia, Maica Bouza, urxe a adoptar medidas no emprego e no tecido produtivo galego para «evitar que a desaceleración derive en recesión». Entre outras, insta a «reverter o dano» provocado pola reforma laboral e abordar os cambios estruturais que necesitan a economía e a sociedade españolas. Canto á Xunta, a dirixente sindical pide mudar o proxecto de orzamentos de 2020 (que está en tramitación) para «dar resposta ás necesidades da cidadanía galega».

Análise por sexos e sectores

Por sexos, entre os homes aumentou o paro en 4393 persoas, mentres que nas mulleres se incrementou o número de inscritas en 2930. Cabe salientar que o 58 % das persoas desempregadas son mulleres. Por sectores, o desemprego sobe en todos, pero é o dos servizos o responsable da maior parte do crecemento (5097 persoas paradas máis), pois no resto é menos significativa a suba. O paro aumentou tamén en todos os tramos de idade.

Prestacións e afiliación á Seguridade Social

No mes de setembro cobraron algún tipo de prestación 81.850 persoas. Delas, 36.754 cobraron unha prestación contributiva; as restantes 45.096 percibiron subsidios. Isto é, en Galicia hai 68.415 persoas demandantes de emprego e con experiencia laboral que non reciben ningunha prestación. A porcentaxe de prestacións contributivas sobre o total reduciuse dous puntos porcentuais no último mes.

Canto á Seguridade Social, a afiliación diminíu tamén en 7400 persoas cotizantes en relación co mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.029.548 (delas, 210.489 son autónomas).

Análise interanual

O paro interanual reduciuse un 3,20 % respecto ao ano anterior, unha porcentaxe moi inferior á dos seis anos precedentes. «Esta redución non pode facernos esquecer as 164.307 persoas que aínda seguen no desemprego en Galicia», apunta Bouza. Entre as paradas, o desemprego reduciuse un 3,4 % nos últimos doce meses; entre os homes, un 2,8 %. Porén, as mulleres seguen sendo maioritarias no desemprego (95.320 mulleres por 68.987 homes).

O mercado laboral contráese

Segundo bouza, a caída dos contratos rexistrados en outubro é un indicador da contracción do mercado laboral: un 0,65 % menos que o mes anterior, cando no Estado sobren un 6,21 %. Dos 106.040 contratos rexistrados, foron temporais 95.942 (o 90,5%). Tendo en conta que a afiliación baixa, «podemos concluír que a rotación no mercado laboral galego é escandalosa». Sirva como dato ilustrativo da precariedade da contratación en Galicia que, segundo datos do mes de setembro, o 34,6 % dos contratos asinados eran de duración indeterminada e, dos que se coñecía a duración, a metade duraban menos dunha semana.

Malos datos para Galicia: sobe o paro e baixa a ocupación

martes 5 de novembro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros