Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 28 de novembro de 2019

CCOO pide modificacións organizativas e arquitectónicas para mellorar a saúde das traballadoras das residencias de maiores

  • O sindicato pon o foco sobre as condicións laborais, que causan un aumento no consumo de fármacos para tratar a dor e outros trastornos

Comisións Obreiras (CCOO) pide modificacións na organización do traballo, pero tamén na dotación e a arquitectura, para mellorar a saúde das traballadoras das residencias de persoas maiores. O sindicato celebra hoxe en Santiago de Compostela unha xornada que pon o foco sobre as condicións laborais que padece o persoal destes centros, orixe de numerosas patoloxías que se tratan cun consumo de fármacos cada vez maior.

De esq. a der., Alfonso García, Roi Fernández, Irene Álvarez e Pedro R. Valdés

De esq. a der., Alfonso García, Roi Fernández, Irene Álvarez e Pedro R. Valdés

Na xornada de hoxe tamén se presentou a campaña «Os teus dereitos, o mellor medicamento», unha iniciativa que recolle as conclusións de nove grupos de discusión e vinte e catro entrevistas en profundidade realizadas en nove cidades españolas entre persoal do sector.

Alfonso García, responsable de Dependencia de CCOO-Sanidade, sinalou que o sector emprega en Galicia unhas 16 000 persoas, das cales máis do 90 % son mulleres. «É un sector altamente feminizado no que unha gran porcentaxe consome fármacos de xeito habitual para paliar a dor muscular», sinalou.

Segundo José Rodríguez Valdés, membro da Secretaría confederal de Saúde Laboral de CCOO, os estudos do Plan nacional sobre drogas revelan que o consumo de drogas, tanto legais como ilegais, descendeu nos últimos trinta anos en toda a poboación laboral. Por exemplo, o consumo de alcol minguou do 25 % ao 3 %. Porén, no caso dos medicamentos hipnosedantes, rexistrou un incremento nos últimos anos, especialmente entre as traballadoras e de xeito singular no sector da dependencia.

No último ano, CCOO fixo traballo de campo neste sector e obtivo datos «moi preocupantes», apuntou o sindicalista, como o feito de que o 80 % das traballadoras manifestan dor en máis de tres ou catro partes do corpo, que tratan con antiinflamatorios ou analxésicos.

Porén, esta medicación non vai á raíz do problema, sinalou Irene Álvarez, secretaria federal de Saúde Laboral de CCOO-Sanidade. A dor provocada por estes problemas físicos, unida ás situacións de estrés, desemboca noutro tipo de patoloxías —ansiedade, trastornos do sono, depresión— que ao cabo se tratan con outro tipo de fármacos —entre os cales están os hipnosedantes— ou mesmo en fatiga crónica.

Para a sindicalista, cómpre atallar o problema desde a raíz, para o que pide melloras na organización do traballo nas residencias de maiores. Hoxe en día, mesmo cumprindo as ratios legais, cada xerocultora atende unha media de dez ou doce residentes xa á primeira hora da mañá; poden ser máis se hai algunha baixa ou vacante sen cubrir.

Ademais, explicou Álvarez, moitas residencias están pensadas para a tipoloxía de residentes que había no momento da súa inauguración, pero non para a actual, pois hoxe en día hai cada vez máis persoas con elevados graos de dependencia, froito tamén do aumento da esperanza de vida. «Vemos acotío residencias con camas que non están mecanizadas, o que obriga a un sobreesforzo das xerocultoras», apuntou. Por esta razón, coida «imprescindible» levar a cabo melloras tanto arquitectónicas como de dotación material para que se poida traballar en condicións axeitadas.

Roi Fernández, secretario nacional de Saúde Laboral de CCOO, instou as Administracións públicas a atender como merece o sector da dependencia. «Os nosos maiores non poden estar atendidos por persoas que fan o seu traballo nestas condicións precarias», apuntou. Ao tempo, o sindicalista cualificou de «inaceptable» un sistema en que se están a xerar novas persoas enfermas. «Merecemos que as traballadoras do sector cheguen á súa xubilación con boa saúde, non que acaben sendo atendidas por problemas de dependencia nas mesmas residencias en que exerceron a súa traxectoria profesional», sinalou Álvarez.

As propostas de CCOO

Para CCOO, cómpre que se avalíen axeitadamente os riscos a que están sometidas as traballadoras do sector, que se mellore significativamente a vixilancia preventiva da saúde e que se garanta unha formación adecuada para cada posto de traballo.

É necesario mellorar as condicións de traballo, comezando polo cumprimento dos convenios do sector e polas ratios de persoal, que deben ser acordes á carga de traballo e á calidade do servizo. Pero tamén é preciso que os pregos de condicións nas comunidades autónomas e concellos se axusten ao valor real do servizo que se presta. Todo isto ha redundar nunha mellora das condicións salariais, algo imprescindible para que un sector en expansión non se vexa abocado ao regreso a tempos pretéritos.

Ademais, na liña dunha campaña que CCOO desenvolve en toda España, «Dependencia ao 100 %», o sindicato reivindica que o Estado asuma os seus compromisos e achegue o 50 % do custo do financiamento do sistema, tal como marca a lei, bastante lonxe do 20 % que está a asumir actualmente.

Todo este desequilibrio supúxolles ás persoas dependentes atrasos na concesión das prestacións a que teñen dereito, pero tamén fai que as traballadoras teñan salarios en moitos casos inferiores aos 14 000 euros anuais, nun sector altamente feminizado, con condicións precarias e alto índice de baixas.

CCOO pide modificacións organizativas e arquitectónicas para mellorar a saúde das traballadoras das residencias de maiores

xoves 28 de novembro de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Galería de imaxes

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Saúde Laboral - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros