Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

venres 3 de xaneiro de 2020

CCOO augura un «ano difícil» para o emprego en Galicia, pois 2019 pecha con datos «moi preocupantes» no mercado laboral

  • A afiliación á Seguridade Social baixa decontino desde o mes de agosto, ata chegarmos a decembro con case 17.000 persoas afiliadas menos

Comisións Obreiras (CCOO) augura un «ano difícil» para o emprego en Galicia, xa que 2019 pecha con datos «moi preocupantes» no mercado laboral galego. O paro diminuíu no mes de decembro, como sucedeu nos dous anos anteriores, pero con moita menor intensidade, ata deixar en 165.308 o número de persoas desempregadas. Remata 2019 co desemprego practicamente estancado: só 351 persoas menos ca en novembro (un 0,21 % menos). Como adoita ser tendencia, o desemprego evoluciona peor en Galicia que no conxunto do Estado, onde a redución é do 1,08 %.

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

Entre os homes, o paro segue aumentando, este mes son 1635 máis, mentres que nas mulleres se reduce o número de inscritas en 1986. A pesar das diverxentes evolucións, o 60 % das persoas desempregadas son mulleres, consolidando a fenda de xénero no emprego. Atendendo ás idades, en decembro redúcese o paro en 744 persoas entre as menores de 25 anos e medra en 393 entre as maiores desa idade.

Por segundo mes consecutivo, o desemprego aumenta entre os homes de máis idade. Isto avanza que a minoración do emprego comeza a traducirse en axuste de emprego estrutural.

Por sectores, o paro sobe na agricultura (231 desempregadas máis), na industria (231) e na construción (1014), mentres baixa nos servizos (1545) e no colectivo sen emprego anterior (645).

No mes de novembro cobraron algún tipo de prestación 91.735 persoas. Delas, 42.595 perciben unha prestación contributiva e o resto (9140), subsidios. Isto é, en Galicia hai 60.200 persoas demandantes de emprego con experiencia laboral que non reciben ningunha prestación.

Canto á Seguridade Social, a afiliación baixou en 3332 persoas cotizantes respecto ao mes anterior, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.020.258. A afiliación baixa decontino desde o mes de agosto, ata chegarmos a decembro con case 17.000 persoas afiliadas menos.

En decembro rexistráronse en Galicia 77.790 contratos, dos que 72.122 foron temporais. Noutras palabras, só sete de cada cen contratos formalizados foron indefinidos. A contratación indefinida diminúe un 13,96 % no último mes, mentres que a temporal medra un 3,59 %, o triplo que a media estatal.

O paro interanual reduciuse un 2,36 % respecto ao ano anterior, pero non baixa sensiblemente o volume de persoas desempregadas, que se sitúa en 165.308 ao remate de 2019.

Datos «moi preocupantes»

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, estes datos son «moi preocupantes». A importante caída da afiliación á Seguridade Social, o estancamento no desemprego e a intensa precarización e estacionalidade do emprego creado «agoiran un 2020 difícil» para o emprego en Galicia. A isto cómpre sumar a «grave crise que afecta os nosos sectores produtivos», alerta a sindicalista.

En opinión de CCOO, «cómpre tomar medidas para evitar que a desaceleración derive en recesión». Ademais, a secretaria de Emprego coida «urxente» iniciar a lexislatura no Estado e acadar a maioría parlamentaria suficiente para reverter os aspectos máis lesivos da reforma laboral e abordar os cambios estruturais que necesitan a economía e a sociedade española. Bouza tamén urxe o Goberno galego a utilizar as súas competencias nos ámbitos da política industrial e do emprego para acompañar as medidas que se acorden no ámbito estatal.

CCOO augura un «ano difícil» para o emprego en Galicia, pois 2019 pecha con datos «moi preocupantes» no mercado laboral

venres 3 de xaneiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Igualdade
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros