Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

xoves 30 de xaneiro de 2020

CCOO denuncia que a mutua lles nega o risco de embarazo ás traballadoras do 061 en Vigo e no Baixo Miño

  • O sindicato sinala que no servizo traballan un cento de mulleres e que o labor que realizan pode provocar complicacións no embarazo

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a mutua FREMAP do Porriño lles nega o risco de embarazo ás traballadoras do transporte sanitario urxente do 061 en Vigo e no Baixo Miño. O sindicato explica que as mulleres representan arredor dun cento dos case trescentos integrantes do servizo, e lembra que o traballo nunha ambulancia de urxencia implica a exposición a numerosos riscos, o que pode provocar complicacións no embarazo.

Ambulancia do 061 | Foto: wikipedia

Ambulancia do 061 | Foto: wikipedia

O transporte sanitario urxente accede a zonas de catástrofes, accidentes ou incendios en lugares con materiais perigosos. Tamén transportan doentes que poden comportar un risco infecto-contaxioso, como VIH ou hepatite, ou con doenzas psiquiátricas, en estado agresivo ou baixo efectos de diferentes substancias.

Doutra banda, as quendas do 061 son de vinte e catro horas, incluída a nocturnidade, manipúlanse diferentes cargas, realízanse movementos repetitivos e moitas veces sobre terreos irregulares. CCOO pon como exemplo un accidente de tráfico con saída da vía, nunha zona de difícil acceso, no que haxa que realizar manobras para inmobilizar unha persoa e erguela —soportando o seu peso— para trasladala a unha padiola.

Comisións denuncia que, malia saber todo isto, que ademais está recollido no servizo de prevención e valoración do posto de traballo que realiza a empresa, a mutua FREMAP nega con carácter xeral o risco de embarazo. «Peor aínda», sinala o sindicato, «a algunhas traballadoras foilles concedido, pero a outras non, producíndose unha clara discriminación».


 

CCOO denuncia que a mutua lles nega o risco de embarazo ás traballadoras do 061 en Vigo e no Baixo Miño

xoves 30 de xaneiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Saúde Laboral - Actualidade
Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade