Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

venres 7 de febreiro de 2020

CCOO reitera a necesidade de medir os niveis de radon en todos os centros de traballo

  • A Comisión Europea abriulle expediente ao Estado español por non transpoñer á lexislación española a directiva europea sobre radiacións ionizantes

Comisións Obreiras (CCOO) reitera a necesidade de realizar medicións dos niveis de radon en todos os centros de traballo. Esta mesma semana cumpríronse dous anos do remate do prazo para transpoñer á lexislación estatal a directiva europea sobre radiacións ionizantes. De feito, o incumprimento do Estado español supuxo a apertura dun expediente por parte da Comisión Europea xa no outono de 2019.

Mapa de potencial de radon | Fonte: Consello de Seguridade Nuclear

Mapa de potencial de radon | Fonte: Consello de Seguridade Nuclear

CCOO salienta que o gas radon é un problema de saúde laboral, pero tamén de saúde pública, cunha especial incidencia en Galicia, xa que o mapa de potencial de radon, elaborado polo Consello de Seguridade Nuclear (CSN), sitúa os maiores niveis deste elemento canceríxeno en case todo o territorio galego.

Tamén se ven especialmente afectados territorios doutras comunidades autónomas, como o sur e oeste de Castela e León, boa parte de Estremadura, noroeste de Castela-A Mancha, as rexións montañosas de Granada e Almería (Andalucía) e as serras do litoral de Cataluña.

A devandita directiva reduce o límite aceptable de concentración de radon de 1000 Bq/m3 a 300. Porén, o mapa do CSN sitúa Galicia con niveis superiores aos 400, «o que dá boa proba da magnitude do problema», apunta Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia.

Por esta razón, o sindicalista coida «absolutamente necesario» que a Inspección de Traballo teña competencias en materia deste canceríxeno e así «poder garantir a aplicación da norma no ámbito laboral». Neste senso, o secretario de Saúde Laboral de CCOO asegura que é necesario realizar medicións en todos os centros de traballos e incluír o problema do radon nas avaliacións de riscos, ao tempo que se valore se é necesario realizar obras nos edificios ou outro tipo de actuacións «para atallar a exposición a este gas».

CCOO reitera a necesidade de medir os niveis de radon en todos os centros de traballo

venres 7 de febreiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Saúde Laboral - Actualidade
Información - Novas