Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

venres 20 de marzo de 2020

CCOO proponlle á Xunta medidas para ampliar a protección social das persoas afectadas pola paralización da actividade

  • O sindicato tamén lle esixe á Administración autonómica ter información «diaria e completa» sobre os expedientes de regulación temporal de emprego en Galicia

Esta tarde tivo lugar por videoconferencia unha reunión da comisión de seguimento laboral de emerxencia polo coronavirus, na que participaron a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (ISSGA), a Inspección de Traballo e os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG, así como a patronal CEG.

Un momento da videoconferencia

Un momento da videoconferencia

Nesta xuntanza, CCOO pediu ter información «diaria e completa» dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) en tramitación, incluír nos ERTE o persoal das ETT afectado pola paralización da actividade económica e estender ás regulacións de emprego por forza maior as axudas acordadas no ámbito do diálogo social para as causas económicas, técnicas ou organizativas.

Outras peticións do sindicato son a creación dun bono extraordinario de conciliación —derivado do peche dos centros escolares e dos centros de día— e o mantemento dos contratos públicos, coa esixencia de supervisión de non afectación laboral.

Canto aos colectivos máis vulnerables, CCOO solicita priorizar a atención a grandes dependentes, con servizos reforzados, protocolos específicos e equipamentos de protección (EPI) axeitados; así como unha inspección «urxente» de todos os centros de maiores para determinar plans de actuación e necesidades de persoal e materiais. En opinión do sindicato, a Consellaría de Sanidade debe manter un protocolo de control e seguimento ao respecto.

Por último, CCOO solicita estudar as particularidades dos efectos do estado de alarma e a caída de actividade por mor do coronavirus no sector do mar, de xeito que se lles garanta a cobertura a todos os traballadores e traballadoras, especialmente na pesca e no marisqueo.


 

CCOO proponlle á Xunta medidas para ampliar a protección social das persoas afectadas pola paralización da actividade

venres 20 de marzo de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Información - Coronavirus - Noticias sindicais