Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

luns 23 de marzo de 2020

Prestación económica por cesamento da actividade polo COVID-19

O artigo 17 do RDL, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, regula a prestación extraordinaria por cesamento de actividade para as persoas afectadas por declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria.

Prestación económica por cesamento da actividade

Prestación económica por cesamento da actividade

O cesamento de actividade establécese con carácter excepcional e durante un mes, a partir do 14 de marzo. Terán dereito:

— Os traballadores e traballadoras cuxa actividade foi suspendida porque figura relacionada no anexo do RD 463/2020, de 14 de marzo (no dito anexo non se suspenden as actividades relacionadas co sector pesqueiro). A suspensión das actividades de marisqueo que decretaron algunhas confrarías non ten valor legal para poder acceder ao cesamento de actividade polo suposto de forza maior.

— Os traballadores e traballadoras cuxa facturación entre o 14 de maio e o 14 de abril se vexa reducida, polo menos, nun 75 % en relación coa facturación do semestre anterior. Neste suposto encóntranse os traballadores e traballadoras do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

— Os traballadores e traballadoras afiliados e en alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, na data da declaración do estado de alarma, o 14 de marzo.

— O prazo para solicitar a prestación de cesamento finaliza o 14 de abril. Sen prexuízo de que, de se acordar a prórroga do estado de alarma polo Goberno, poidan modificarse as medidas adoptadas, consonte o previsto na disposición final décima do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo.

— Toda solicitude deberá ir acompañada dunha declaración xurada na que se faga constar que cumpren todos os requisitos esixidos para causar dereito a esta prestación.

— Os traballadores e traballadoras deben estar ao corrente no pagamento das cotas.

— Durante o período de percepción da prestación extraordinaria por cesamento de actividade, a traballadora ou traballador autónomo que suspenda a actividade non terá a obriga de tramitar a baixa. Se a causa do dereito á prestación é a redución da facturación no mes anterior ao que se solicita a prestación nun 75 % en relación coa efectuada no semestre anterior, deberá permanecer, en todo caso, de alta no correspondente réxime de Seguridade Social.

— Durante o período de percepción desta prestación non existirá obriga de cotizar.

A prestación de cesamento de actividade terá unha duración dun mes, que se poderá ampliar ata o último día do mes en que finalice o estado de alarma, no caso de que se prorrogue e dure máis dun mes

O cesamento de actividade é incompatible con calquera outra prestación do sistema de seguridade social.

Prestación económica por cesamento da actividade polo COVID-19

luns 23 de marzo de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Información - Coronavirus - Noticias sindicais