Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

martes 24 de marzo de 2020

CCOO-Servizos alerta de que a liberdade de horarios decretada pola Xunta de Galicia «vai en contra da saúde»

  • O sindicato coida que a medida promove a «competencia desleal» entre formatos comerciais nun momento en que non debe primar o negocio

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia remitiulles un escrito tanto á Presidencia da Xunta como á Consellaría de Sanidade e á de Economía, Emprego e Industria, cualificando de «inapropiada e inadecuada» a resolución sobre liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade, recollida no DOG do pasado 15 de marzo. Así mesmo, o sindicato alerta de que esta medida «vai en contra da saúde».

CCOO afirma que a liberdade de horarios decretada pola Xunta de Galicia «vai en contra da saúde»

CCOO afirma que a liberdade de horarios decretada pola Xunta de Galicia «vai en contra da saúde»

Para CCOO-Servizos, o acceso aos bens imprescindibles «xa está garantido» polo real decreto en que o Goberno de España declara o estado de alarma, ademais da afirmación —expresada en múltiples comunicados— das grandes distribuidoras de alimentación, que indican que o abastecemento de todos os supermercados e hipermercados «está garantido».

De feito, a maioría das empresas do sector tomaron a decisión de reducir o seu horario comercial, co fin de poder atender tanto a reposición de mercadoría, como a desinfección dos centros, e así preservar as garantías de saúde do persoal e da propia clientela. Por esta razón, CCOO coida que «non cabe facer normas que alenten un efecto chamada cara aos comercios de alimentación, cando o importante é que prevaleza a mensaxe 'queda na casa'».

En opinión do sindicato, este tipo de normas promove a «competencia desleal» entre formatos comerciais «no momento máis inoportuno». Para CCOO, «non é hora de facer negocio» nin tampouco de «poñer máis en risco a saúde das persoas traballadoras».

Por todo isto, CCOO-Servizos insta a Xunta a derrogar de maneira «inmediata» a medida adoptada respecto da liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade.

CCOO-Servizos alerta de que a liberdade de horarios decretada pola Xunta de Galicia «vai en contra da saúde»

martes 24 de marzo de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Saúde Laboral - Actualidade
Información - Novas
Información - Coronavirus - Noticias sindicais